Se algo nos deixou este verán, foi lume. Concellos con superficies queimadas que chegan ao oitenta por cento da súa extensión total ou unha provincia, a de Ourense, cun máis do dez por cento total da mesma arrasada. Unha moi dura realidade que tamén se levou por diante verdadeiras iconas da nosa terra, de grande valor, co bosque de Ridimoas no Ribeiro ou o entorno da Pena Trevinca destruídos en maior ou menor grao polo lume, que tamén chegou a ameazar a verdadeiros santuarios, coma o Teixedal de Casaio. Aldeas enteiras que xa non existen, vidas que aínda agora loitan por saír adiante no hospital, e algunhas persoas detidas por presuntamente provocaren toda esa destrución. Lume, si. Moito lume, máis que en varios anos atrás xuntos. Pero agora que as temperaturas baixaron xa, que o máis forte das lapas acougou e que o modo de verán vai dando paso ao comezo dun novo curso académico e político co outono xa a tres semanas de nós, avívase a liorta e o conflito na prensa e nos salóns a partires do acontecido pero, como sempre, sen abondar nun camiño real de solucións... Liorta por liorta, e moito ruído... para que todo siga igual...
Miren, o tema do lume no monte en Galicia é moi complexo, e non serei eu quen poida dar aquí de forma exacta tódalas claves para afrontalo con éxito. Hai moita xente especialista, cada quen desde o seu punto de vista e formación, que di cousas moi axeitadas con rigor e base científica e que debería ser escoitada. Pero o que está claro é que se hai unha vontade real de atallar este verdadeiro esperpento en termos ambientais esta ten que afundir o seu esforzo na comprensión do que está a pasar desde unha perspectiva moi ampla, incluíndo aspectos sociolóxicos, económicos, ambientais e sociais. Non se pode abordar esta tarefa sen entender tamén que no momento actual desta problemática hai intereses concretos, de diferentes sectores moi distintos entre si, que realmente precisan dalgunha maneira que o lume siga presente no noso monte, como parte dun proceso a curto prazo de explotación de activos ou de prestación de servizos que, doutro modo, non estarían así dispoñibles. Non se trata de chamar incendiario a ninguén, nin moito menos, pero ao igual que o sector funerario non tería visos de futuro nun contexto de inmortalidade, son moitos os intereses do que naceu e creceu economicamente a carón do lume, dos seus efectos e de todo o que se fai para tratar de evitalo. Cambiar o paradigma agora non é imposible, pero si que esixe un esforzo descomunal, liderado ao máximo nivel e no que, para empezar, hai que crer e polo que hai que loitar. Nesa liña, expoñerei agora, mirando ao mar, algunhas ideas que penso que, a día de hoxe, poderían ser bastante de consenso se un mira ao monte con ánimo construtivo e desprovisto de maiores prexuízos e intereses...
O feito de que Galicia sexa entendida como un lenzo en branco no que se espallan miles e miles de plantóns de especies de crecemento rápido para seren trituradas en menos de quince anos, con reposición automática das mesmas en chans moi empobrecidos e provocando procesos de lavado do solo posterior a cada corta, cunha posterior podsolización e degradación extrema do terreo, vai contra calquera lóxica de sostibilidade. Os actuais eucaliptais, onde levan crecendo xeracións e xeracións de plantas “globulus” ou “nitens”, son en moitos casos moi dificilmente recuperables para calquera outro uso. E a presión da industria -vede os novos proxectos que penden coma espada de Damocles sobre a Galicia fértil da Ulloa- esixe moita máis madeira para triturar e converter noutra cousa. Tal nefasto modelo parece que xa é parte de nós e da nosa identidade, pero non é así. É posible, para empezar, inzar Galicia de pequenos exemplos de como facer as cousas doutra maneira, e algúns deles xa hai moi motivadores e mesmo feiticeiros... E desa forma intentar dar uns primeiros pasos para un urxente, indispensable e moi necesario cambio.
Pero, para tal muda da lóxica forestal, a única solución son as políticas activas e valentes por parte da Administración Pública. Fomentar unha xestión selectiva das cortas -sen produciren xigantescas calvas- de especies de moito maior valor engadido como frondosas, e sen que as familias teñan que afrontar o lucro cesante de non contar cos seus lexítimos ingresos actuais pola venda da madeira do monte cada quince anos aproximadamente. Pagos a conta, subvencións a fondo perdido e créditos para acometer proxectos de moito máis valor no largo prazo. Pero o certo é que a Administración, no caso de Galicia, hai tempo que deixou de pensar no monte neses termos, pasando a fomentar o dinamismo económico a curto prazo coma único indicador de progreso. Ditas novas políticas forestais deberían primar a rexeneración -complexa e dificultosa- de antigos eucaliptais para convertelos noutra cousa: en moitos casos bosque autóctono adaptado ás circunstancias do terreo, con frondosas propias da terra de crecemento lento pero moito maior valor engadido, ou en pastos ou outros usos, moito máis apegados ao tradicional do rural, pero aproveitando tamén o fondo desenvolvemento tecnolóxico, que permiten acometer proxectos en moitas liñas con maiores trazas de rendibilidade e, o máis importante, sostibilidade a longo prazo.
Mentres o monte sexa un conxunto enxoito de madeira coma isca, amoreado e sen solución de continuidade en enormes extensións conectadas entre si, estamos perdidos. Os eucaliptos e os piñeiros son especies pirófitas, que dalgunha maneira se aproveitan do lume e que saen beneficiadas polo mesmo na loita pola supervivencia con outras especies, con mecanismos de adaptación ao mesmo ben coñecidas pola ciencia. Ante iso, e nun contexto de quecemento xeneralizado e de fenómenos climáticos cada vez máis potentes, pouco podemos facer. Se non queremos que os grandes lumes contra os que os medios convencionais non son suficientes terminen por estragar o conxunto do noso territorio, é preciso un cambio integral de modelo, moi conectado cun maior valor do eido rural. E iso non podemos esperar que xurda da esfera do particular, e moito menos dunha industria madeireira extractiva que aproveita o actual estado da cuestión. Ten que ser o pobo organizado, coa súa Administración á cabeza, quen sexa quen de pilotar tal mudanza. Doado? Nin de broma! Posible? Si, claro que si. Non facer nada é teimar nun fracaso colectivo que, como vemos, leva empobrecendo a nosa terra demasiado tempo xa. E hai datos diso, por enriba dos mantras ou da mercadotecnia.
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”