Vinte anos despois...

Un 30 de xuño de 2005 viu a luz a Lei 13/2005, pola que as parellas do mesmo sexo puideron empezar casar no noso país. Hoxe conto as miñas sensacións ao respecto, entón e tamén agora, desde a óptica da primeira parella que casou no Concello de A Coruña, ao amparo de tal normativa, en outubro de 2005. E, se o fago, é por seguir avanzando en consolidar dereitos, impulsar o respecto universal e construír sociedade, en tempos en que todo iso, botando unha mirada ao noso redor, ás veces parece estar en perigo.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 07/07/2025

Comparte esta noticia
Cantaba o xenial Gardel que “vinte anos non son nada”... Cando rememoro esta marabillosa peza sempre me acordo dos meus pais, para os que o tango tiña poucos segredos... Pero, ademais, tamén interpreto tal cousa en termos do paso do tempo, un dos temas máis recorrentes na literatura universal. E que o tempo, sen dúbida, é o tesouro máis grande para calquera de nós. Cando te quedas sen el, nada do demais importa xa moito... Ou non?
 
A sociedade de hai vinte anos era distinta á de agora. E entre o que aconteceu naqueles tempos houbo algo en particular moi importante en termos dos dereitos das persoas. Nese momento o Goberno propiciou a “Lei 13/2005, de 1 de xullo, pola que se modifica o Código Civil en materia de dereito a contraer matrimonio”. É dicir, a esperada lei de matrimonio igualitario, pola que se contemplaba o casamento tamén para parellas do mesmo sexo. Unha auténtica revolución, froito dun traballo de moitos anos de activistas, asociacións e tamén de xentes do eido da política, sensibles coa adopción de tales dereitos por parte de persoas fóra da heteronormatividade, que ata entón era recoñecida pola lei como única base posible para as unións civís...
 
Hoxe, mirando ao mar, rememoro o que sentín eu mesmo cando o 30 de xuño foi aprobada a Lei e o 3 de xullo entraba en vigor. E, se lles digo a verdade, foron moitas cousas á vez. Pero unha despuntaba por riba de todas elas: présa, moita présa... E por que? En realidade empecei a ter tal sensación uns días despois, cando un grupo de cincuenta deputados e deputadas anunciaron que presentarían un recurso contra a Lei no Tribunal Constitucional. E a présa xurdiu da posibilidade de que tal recurso supuxese a suspensión cautelar do texto legal. Unha volta atrás... 
 
A miña parella e máis eu, que levabamos case cinco anos xuntos por aquel entón, decidimos casar. Contactamos co Concello de A Coruña, pero o salón de vodas –o de plenos- non estaba dispoñible ata o mes de maio de 2006. Eu tiña claro que esperar podía significar non casar. Quedaba a posibilidade de casar moito antes, pero non en non moito máis de cinco minutos, entre voda e voda. Total, nós o que buscabamos era a protección dos nosos dereitos cidadás como parella por parte do Estado, non unha cerimonia social ou un baño de masas. Xa nos ía ben así...
 
Mar Barcón, tenente de Alcalde do Concello, oficiou. E aquel 1 de outubro de 2005, o mesmo día da voda en Madrid coa súa parella do desaparecido Pedro Zerolo, en paz descanse, Marcos e máis eu convertémonos entón en marido e marido. Nada novo en realidade, porque xa viviamos xuntos e tiñamos claro que a cousa podía durar moito e moi ben. Pero supuxo moita ilusión ao sermos protexidos por unha figura legal, a do matrimonio, que ampliaba a nosa esfera xurídica, sen restar dereitos a ninguén. Porque, e isto é importante dicilo, a Lei 13/2005 é unha Lei que suma, e que non resta. Non vai contra persoa algunha, a pesar do ruído e de todo o mal que se dixo que tal Lei ía traer ao mundo...
 
Estes días celebramos o vinte aniversario da Lei e, despois de distintas peticións ao respecto, decidimos facernos un pouco máis visibles que por aquel entón, no que non aceptamos fotografías na prensa se non ían asociadas ao para nós imprescindible enfoque de dereitos. Pero só un pouco, xa que somos celosos da nosa intimidade e privacidade, e vivimos lonxe dos focos e da exposición pública. Pero cremos fondamente na responsabilidade de todos e todas na procura dun mundo mellor e, como tal, entendemos o noso papel como testemuñas neste eido, e máis cando xorden ameazas desde o exercicio da política máis reaccionaria, ou da ausencia de valores asociados aos dereitos humanos en moitas propostas que hoxe son tendencia... E non esquezan, ademais, a existencia de terribles e execrables feitos acontecidos na nosa Galicia onde a homofobia estivo presente.
 
Entendemos que vivimos nun país, e non por casualidade, no que un home e unha muller teñen os mesmos dereitos, e valen o mesmo. E tamén un negro e un branco. Ou un gai e un heterosexual. Por todo iso temos que seguir loitando, coa palabra e co exemplo. E por iso, só por iso, prestamos a nosa imaxe e a nosa historia ao conxunto da sociedade. 
 
Haberá quen diga que xa está todo feito, e que non é preciso poñer en valor datas como esta. Ou quen afirme que o mesmo acto de reivindicar fitos como este supón unha parte de renuncia á normalidade. Non estou de acordo. Penso que, tanto desde a educación como desde a política ou as institucións públicas, hai que seguir aportando para desterrar a involución e facer da nosa unha sociedade cada vez mellor, máis inclusiva, con empatía, solidaria, xusta e, por suposto, tan diversa como as persoas que a integran. Ese é o reto, verdadeiramente urxente e importante, imprescindible e ao que todos e todas estamos chamados, polo noso ben e polo de toda a nosa veciñanza.
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Marcela e Elisa despois da voda
Marcela e Elisa despois da voda | Fonte: Wikipedia-La Voz de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.