Escribo estas liñas desde a perspectiva de que un mal acordo sempre é mellor que calquera outra cousa na vida, e sobre todo que calquera forma de litixio. De que o consenso real e ben fundamentado é a máis potente ferramenta que temos para construír futuro de forma sostible, e de que a polarización da sociedade só beneficia a aquelas persoas que viven precisamente da industria de provocala, en calquera das súas formas. É por iso que trato de ser dos que, aínda que partindo xeralmente dunha base de moi feble converxencia entre as partes, nunca renuncian a ampliar e consolidar esta. Non só porque así se mellora o resultado do que sexa que se dirima, senón porque este vai ser moito máis sólido e duradeiro, e tamén porque nese proceso todos sairemos sempre reforzados.
Ademais de todo o que expreso no primeiro parágrafo desta columna, direilles tamén que penso que moitos dos problemas de entendemento de hoxe na sociedade, e mesmo na política como proxección da primeira, non existen porque uns sexan os bos e outros os malos. Evidentemente hai extremos nos que as diferentes opcións si que se poden encadrar en niveis éticos ben distintos, cando unha das partes en conflito ou desacordo acode sistematicamente ao menoscabo do outro, ou a pisar os dereitos máis elementais das persoas, o que vemos cada vez máis nestes tempos no que o ultramontano parece que entrou definitivamente con máis forza na escena cotiá... Pero salvada tal situación, entendo que na maioría de temas os propoñentes teñen a máis sincera vontade de, dentro do seu esquema ideolóxico, aportar o que consideran mellor para o conxunto. Que falla entón, cando parece tan difícil chegar a calquera tipo de entendemento tantas e tantas veces? Pois ao mellor e cuestión de con que faros estanse a alumear uns e outros cando tratan das diversas cuestións enriba da mesa. Porque xa saben, hai luces curtas e tamén longas. E non porque uns dispoñan sempre das primeiras e os outros unicamente das outras. Non. Trátase de que, ao igual que no automóbil, un pode cambiar entre os dous xogos de alumeado, e consecuentemente ter a capacidade de abordar cada tema coa luz curta -visión a curto prazo no tempo e moi acomodada ao espazo próximo- ou ser quen de utilizar a longa, chegando incluso a comprometer os seus propios intereses por entender que é preciso ver moito máis aló do inmediato e do persoalmente conveniente.
Se un mira no curto prazo, ou baseándose unicamente nos seus intereses próximos, entón pode chegar a entenderse o exercicio da depredación, no fondo tan humano. E isto é así porque as persoas temos un horizonte vital a curto ou medio prazo non maior dunhas poucas décadas, como moito. E iso non é nada, como comprenderán, cando se compara cos tempos da Natureza en case todo. Un pode optar, así, por políticas económicas destrutivas e empobrecedoras cando non ve máis aló do seu peto, ou pola especulación pura e dura cando non lle importan as consecuencias para o entorno social das súas inversións, ou por actividades altamente lesivas para o medio ambiente cando, en realidade, non está considerando como afecte isto aos que veñan detrás de nós no tempo. Pero bastaría que a persoa ou persoas cambiasen a súa forma de poñer luz sobre tal asunto para que, automaticamente, puidesen chegar a pensar distinto, e mesmo a seren verdadeiros activistas no sentido contrario. Isto, que lles pode parecer ata fantasioso, ocorre ás veces. E así, quen defendeu unha cousa a capa e espada nun momento dado da súa vida desde unha visión a curto prazo, pode terminar por comprender que bastaba alumear a cousa doutro modo para dicir, exactamente, o contrario.
Mirando ao mar, dígolles que estou convencido de que aportar ferramentas para poder alumear moito mellor os grandes temas que hoxe nos ocupan e preocupan é unha das mellores contribucións que podemos aportar á nosa sociedade, cada quen no seu entorno e desde as súas posibilidades. E isto precisamente porque xa están as bancadas dos parlamentos e dos plenos dos concellos, e mesmo das tabernas, cheas moitas veces de transpiración e de verbas fortes que pouco máis aportan que para darlle forma á épica dos partidos. Creo que nunha análise mesurada, unha vontade de achegamento de todo aquel que represente a outros e en utilizar con máis frecuencia as luces longas, está o camiño do éxito da nosa sociedade. E non o éxito en si, claro, que como algúns límites da Física é, por definición, inalcanzable. O éxito polo menos de sentírmonos no camiño de ir construíndo algo de verdade, e non unha pantomima colectiva que, por pobre en entendemento e nunha visión compartida a longo prazo, ten o risco de non pasar de alumear só as nosas propias figuras, proxectando máis sombras que axudando a ir cara adiante...
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”