Máis sombras que luces na situación de Cuba

Como se pode comprobar, case diariamente, dende o pasado mes de Novembro -co trunfo de Trump nas eleccións presidenciais norteamericanas- o foco da atención internacional está practicamente concentrado no que se cociña nos despachos da Casa Branca.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/05/2025

Comparte esta noticia
Ao mesmo tempo, e nun espazo xeográfico non moi distante, asistimos a unha circunstancia relativamente inédita: a situación social, económica e política de Cuba fica nun lugar moi marxinal na xerarquía mediática. O que pasa -ou pode pasar- en Washington exerce tal forza gravitacional que case anula novas tan relevantes como a repetición de apagadas eléctricas xeralizadas na illa caribeña.
 
Hai case un ano, tiven ocasión de analizar, nesta mesma páxina, algunhas das características da situación pola que atravesaba a sociedade cubana. Despois dunha nova visita familiar non podo afirmar que teña observado cambios significativos. En todo caso, só hai unha variación que engade mais dificultades ao panorama anterior: a decisión tomada pola nova Administración Trump anulando as normas do goberno de Biden que posibilitaban a entrada legal -en determinadas condicións- de cidadáns de diversos países latinoamericanos. Ademais do remate desta vía migratoria, as novas autoridades están decididas a conseguir a deportación de todas aquelas persoas que entraron no territorio norteamericano durante os últimos anos.
 
Diversos analistas estiman que, dende o remate da pandemia da COVID, teñen abandonado a illa arredor de medio millón de persoas. A explicación deste fenómeno -protagonizado fundamentalmente por xente moza- deriva da conxunción de dúas circunstancias: o empeoramento nas condicións de vida de amplos sectores sociais e a actitude deliberadamente permisiva amosada polo goberno cubano, facilitando a saída a través de Nicaragua. Para moitos xoves, a saída de Cuba é a última esperanza para acadar unha vida mellor porque desconfían das políticas e das promesas formuladas polos dirixentes gobernamentais. A emigración destas persoas provoca dous efectos beneficiosos, no curto prazo, para o poder establecido: diminúe  o clima de tensión que poderían protagonizar as persoas que abandonan o país e propicia a chegada de remesas de divisas dirixidas aos seus familiares.
 
Nos últimos catro anos rexistráronse dous fenómenos novos que impactaron seriamente na realidade social: a diminución substancial no volume de turistas que visitan a illa e a reiteración nas deficiencias do subministro eléctrico aos fogares e ás actividades produtivas. Ambas cuestións reflicten ben as dificultades polas que atravesa o país: debilitase unha fonte importante de divisas que podería contribuír ao financiamento -aínda que fose parcial e transitorio- das graves carencias estruturais que padece o sistema enerxético cubano.
 
Nestes días estase conmemorando o 50 aniversario do remate da guerra de Vietnam. Naquel momento, o pais asiático estaba practicamente arrasado pola maquinaria bélica dos USA mentres Cuba xa levaba 15 anos acometendo a construción dun novo modelo social xurdido a partir do proceso revolucionario encabezado por Fidel Castro. Nos dous casos, a estrutura política era semellante -o poder estaba nas mans exclusivas do Partido Comunista- e tamén eran comúns as fontes ideolóxicas inspiradoras do sistema (cunha compoñente dominante baseada no marxismo oficial soviético con algunhas engadegas relevantes do modelo chinés). Podería resultar anecdótico pero o dato de que Vietnam é, actualmente, o segundo produtor de café no mundo (só por detrás de Brasil) mentres Cuba non aparece entre os 10 países mais importantes nesa materia, exemplifica a diferenza substancial na aplicación de dous modelos que naceron como fillos dun mesmo patrón ideolóxico. Na explicación oficial da notábel diverxencia entre a situación actual de ambos países, constatase unha distancia significativa nos relatos formulados: mentres as autoridades da illa caribeña atribúen as dificultades presentes á histórica belixerancia practicada polos USA, os gobernantes vietnamitas vinculan os avances rexistrados coas bondades das súas políticas.
 
Resulta moi complicado facer un prognóstico sobre o futuro de Cuba. En todo caso, pódense sinalar tres escenarios teoricamente posíbeis no horizonte temporal do vindeiro lustro: 1) a continuidade da situación actual (deterioro das condicións materiais de vida da maioría da poboación e mantemento do poder de coerción que posúe a elite política gobernamental); 2) unha reedición -con novos protagonistas- da vella relación de dependencia económica coa URSS que, ademais de posibilitar o funcionamento dun aparello produtivo fortemente subsidiado, favorecese a viabilidade dalgunhas reformas políticas controladas; 3) apertura dun proceso negociador entre o goberno, a oposición interior(que posúe unha cativa relevancia organizada) e a Administración norteamericana que permitise acadar un acordo para o establecemento dun sistema político pluripartidista homologábel ao que rexe na maioría dos Estados latinoamericanos.
 
Ademais das dificultades acumuladas nas últimas décadas, Cuba padece hoxe unha situación antes descoñecida: pasou de ser o punto de referencia das expectativas de mudanza que se xeraban nunha boa parte da América Latina a estar colocada nun plano moi subalterno na correlación de forzas e intereses que operan nesa rexión do mundo.

Vítimas do tornado de Cuba
Vítimas do tornado de Cuba | Fonte: XdM
Furacán Ian en Cuba
Furacán Ian en Cuba | Fonte: EUROEFE - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.