Apagamento

O día 28 de abril de 2025 vai ser recordado pola caída xeneralizada de tensión nas liñas de distribución do país. Mentres os técnicos investigan as causas e terminan de estabilizar a rede, parámonos a pensar sobre o acontecido, ligándoo coa forma de vida actual e tratando de sacar conclusións e aprendizaxes.

Por Jose Luis Quintela | | 09/05/2025

Comparte esta noticia
No momento de escribir estas liñas, mirando ao mar, xa parece que o recente apagamento na Península Ibérica empeza a estar definitivamente superado. Quedarán aínda determinados flocos do incidente, e mesmo algunhas cuestións puntuais por resolver, pero nada que ver xa coa situación derivada da perda de fluído que nos sorprendeu a todas e todos o pasado día 28 de abril. Un evento que, sobre todo, nos permite darnos conta do vulnerables que somos, por riba de todo. En solucionar tales cuestións, máis en coñecer exactamente cal foi a causa ou o conxunto delas que produciron tal desastre está agora o foco. Por dirimir as correspondentes responsabilidades pecuniarias e doutro tipo, claro, pero tamén para poder asegurar que unha situación parecida non vai producirse de novo.
 
Noutros tempos, hai moitos anos, tiven ocasión de coñecer un pouco do complexo mundo dos sistemas de transporte de enerxía eléctrica. Foi unha etapa feliz, nunha empresa que me abriu os ollos a moitas realidades interesantes, en eidos diversos. E, en particular, no mundo da xeración de electricidade nas propias industrias que a consumen, da instrumentación e do control nos procesos industriais, no da transformación e as redes eléctricas e no dos mantementos eléctricos e doutros tipos en fábricas moi diversas. Foi da man dunha persoa inqueda e chea de ideas, o enxeñeiro Antonio Trueba, que no seu momento cambiou un traballo seguro na extinta Fenosa por unha visión de éxito, na que os seus sucesores seguen traballando arreo en moitos campos, e que a min fíxome gozar moito nese tempo compartido.
 
Precisamente foi en múltiples conversacións con Antonio, ás veces de camiño a visitar o interior dunha presa, ás veces para dirixírmonos a unha central térmica e acometer moitos dos traballos que alí realizabamos, ou en moitas ocasións para soñar artefactos diferentes, que posteriormente fabricabamos, orientados á produción renovable de enerxía ou a outros retos igualmente interesantes, que tiven ocasión de coñecer un pouco máis polo miúdo no tocante á xeración e distribución de enerxía eléctrica. Sabía a teoría, claro, xa que todo isto non deixa de ser unha aplicación concreta da Física, pero xa se sabe que desta á práctica vai un mundo enteiro. E tal etapa nel foi verdadeiramente iniciática.
 
Desde tempos das disputas entre Edison, por un lado, e Tesla e outros colaboradores, na outra banda, utilízase a corrente alterna e non a continua na distribución de enerxía eléctrica. Isto é así porque o segundo modelo, posto por primeira vez en práctica e defendido con paixón por Edison, implica  moito maiores perdas de enerxía en forma de calor. Ademais, se de disipar o menos posible se trata, a clave é optar pola moi alta ou alta tensión, e non con diferenzas de potencial máis baixas. Tales liñas de alta ou moi alta tensión conectan as grandes subestacións eléctricas, derivando a súa enerxía a liñas de menor voltaxe, en varias etapas, ata chegar aos 220-240 V de tensión eficaz que fornece aos nosos fogares.  En realidade todo isto é máis complexo aínda, porque o transporte en alta realízase con varias fases, desfasadas entre si 120º. Así, aos centros de consumo van chegando as fases R, S e T, que alimentan diferentes instalacións alternándose, utilizándose todas cando os aparellos precisan tal tipo de corrente trifásica.
 
Tanto as redes de moi alta ou alta tensión como as de media ou baixa tensión están conectadas entre si, de forma moi redundante e formando unha malla tupida, co fin de garantir a non interrupción do subministro. Así, se unha das liñas sofre un imprevisto e “dispara” -falla e queda sen servizo - as demais asumirán a súa carga de traballo, dentro dunhas certas marxes de manobra. Se eles son superados, entón se corre o risco de que nestas liñas haxa sobrecarga, co que poida producirse un novo disparo. O operador do sistema, Red Eléctrica de España, vixía constantemente o sistema de transporte da electricidade producida polos diferentes centros de xeración, de maneira que se poida adiantar a calquera incidencia. No caso que nos ocupa, acaecido o pasado día 28 de abril, algo fallou. Que? Obviamente eu non o sei á hora de escribir estas letras, e corresponderá explicalo aos técnicos que traballan desde o primeiro minuto nesa cuestión. Pero o que é evidente é que, a partir desa primeira incidencia, as liñas foron caendo unha tras outra, nun efecto dominó imparable e como un castelo de naipes, desmontando todo un moi robusto sistema en cuestión de moi pouco tempo. O resultado? Pois o apagamento total, o cero técnico nas liñas, sen tensión.
 
Unha vez que isto se produce, por moi ben que se responda, é preciso tempo para rearmalo todo. Non é posible, con todo en rede, sacalo adiante. Hai que proceder pouco a pouco, acoplando a enerxía inxectada no sistema polos diferentes centros de xeración dunha maneira moi controlada, en illas de consumo. Estas, unha vez estabilizadas, poden ir conectándose entre si, tendo moito coidado de non desestabilizar o sistema. Non é fácil. Pensen que hai moitas variables en xogo, incluíndo o manter determinados parámetros nos seus valores óptimos. E isto porque as diferentes instalacións de consumo, en función do tipo de elementos que teñan, poden producir incrementos en parámetros que tendan a desestabilizar o sistema, volvelo resoante ou incrementar, por exemplo, a potencia reactiva no mesmo. Ese tempo de resposta para asegurar a volta a unha certa normalidade está moi taxado e, no caso que nos ocupa, foi o que se estimou desde o principio, cando se  puxeron en marcha os diferentes procedementos para resolver a crise, culminados con éxito.
 
Falar de todo isto implica facelo de Teoría de Grafos, pura Matemática de grande beleza, que estuda as relacións entre elementos conectados entre si. Ciencia básica aplicada ao benestar, porque concordarán comigo que iso de vivir sen electricidade é verdadeiramente difícil a día de hoxe. Eu tiven ocasión de comprobalo nalgúns viaxes de traballo por extensas áreas do mundo sen ela, e aí é cando un se da verdadeiramente conta disto. E, senón, remítome ao vivido o luns, 28... Pero, con todo, o sistema foi rearmado de forma paulatina, sen maior problema, e para a maioría non tivo moitas maiores consecuencias. Si que é verdade que hai que lamentar o falecemento de tres persoas en Galicia a consecuencia do apagamento, que hai estimadas perdas millonarias e que houbo persoas e industrias que ese día viron moi complicada a súa operativa... É por todo iso que hai que afondar nas causas e buscar os fallos no sistema para intentar que isto mesmo non volva acontecer xamais.
 
Un último apuntamento, que tamén da para pensar... Durante a crise a cidadanía respondeu de forma exemplar. Foi o momento da rúa, das praias ateigadas, de prazas cheas de persoas tomando o aire e o sol e socializando, mentres tódalas redes “asociais” estaban caídas... Foi menos o momento da venda de fume, da soidade e o illamento e de cultura do envoltorio, e máis do da vida real, que ás veces se agocha tralos muros de individualidade que xa describía Bradbury en 1953 na súa profética obra “Fahrenheit 451”... Xa ven que tódolos escenarios, por distópicos que nos poidan parecer, teñen o seu yin e o seu yang... Non lles parece?
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.