Non coñezo a ninguén que non lamente sinceiramente os lumes que estamos a sufrir. Pero a UE, o Estado e a Xunta, dende hai moitos decenios, seguen unhas políticas que crean as condicións para que, nos veráns un pouco quentes, sexamos arrasados polos lumes máis unha vez. Con esas liñas políticas, os incendios, lamentablemente, darán algunha tregua pero non pararán. Haberá anos millores e peores, pero o fondo do problema seguirá sen tocar. Os veráns sen incendios aumentarán a reserva de árbores incendiables no seguinte.
A UE, afogando implacablemente a agricultores e gandeiros, botou a xente fora das aldeas, de xeito que os montes quedan ao eucalipto. Mesmo houbo tempos en que esa árbore subvencionábase, ainda que nunca tivera máis argumento que o facer diñeiro fácil. Parecía que opoñerse ao eucalipto era rexeitar o progreso e facer dos montes inúteis monumentos ao toxo.
Se visitas hoxe un lugar de calquera parroquia rural, con sorte hai 200 habitantes, todos vellos, ningunha vaca, poucas galiñas pero documentadas; nin cabras nin ovellas; non se escoitan máis sonidos animais que ladridos de cans e un pouco de cacareo; tendas, ningunha; algunha taberna ao pé da estrada principal (e que non peche, pois os veciños xa nin se verían). Ollo con destilar augardente, que as requisas son inmisericordes e as multas, brutais (así pechou máis de un negocio). Nesas aldeas hoxe vívese unha vida pouco rural, como a das aforas dunha vila.
O Estado, básicamente, segue a mesma liña: macrocidades (Madrid, en breve, tal vez 10 millóns de habitantes), baleiramento territorial, plantacións masivas de especies pirófitas, e para as aldeas unhas condicións socioeconómicas que ninguén querería para os seus fillos nin cun revólver na caluga; ningún master se imparte nunha aldea. A desindustrialización e o peche de pequenos negocios, non cesan. A combinación de baleirar o rural con enchernos de masivas especies pirófitas, crea as condicións para futuros incendios. A idea de que o baleiramento de grandes zonas non había ter consecuencias particularmente malas, nunca tivo fundamento ningún; foi un auto-engano, se non algo peor.
A imaxe do hidroavión collendo auga na Ría xa é dos veráns dos 80. Cómo é posible que 30 ou 40 anos despois seguiran a dictarse unha romería de normas que regulan —e estrangulan— case todo o imaxinable: mel, abellas, ovellas, vacas, pastoreo, piñas, galiñas...? E todas respaldadas con fortes multas. Normas que non tenden a dificultar os lumes senón ao contrario, a favorecelos.
Agosto de 2025. Temos veciños e bombeiros heroicos, certo, pero... o mal levaba tempo sementado. O subseguinte balbordo dialéctico destes días sobre orzamentos, motobombas, avións e todo eso (sen dúbida imprescindible) agocha o feito de que ningún poder público aposta por ir ás raíces: un rural habitado, con dignidade e futuro para os fillos; con algo que facer no campo sen afogadores controis burocráticos; saúde, educación, traballo e servizos —aparte dos servizos de repartidores que, eses si, chegan mesmo ata o curuto dos Ancares se é preciso.
A calor inflúe moito, pero os incendios na Galicia escomenzaran moito antes destas temperaturas desatadas; máis ou menos, cós primeiros efectos do despoboamento rural e as masivas pirófitas. Así que como o fondo do problema, como diciamos, xa é vello (o lema “Cuando un monte se quema, algo suyo se quema” non baixará de 55 anos; tempo abondo para ter tomado algunhas medidas de fondo), parece razoable preguntármonos: Queren, realmente, a UE, o Estado e a Xunta ir ás raíces do problema? Pon o Estado nesta traxedia a décima parte do esforzo que pon en recadar, en facer o que manda Bruxelas, ou en controlar as universidades?
“España vaciada, España quemada”, dicía unha rede social estes días. O territorio deshabitado é un mal en si mesmo. Para a miña aboa, en paz descanse, sería unha obviedade. Cómo non o é para os políticos? Tan cegos serán? Ou será que non entra nos seus plans prohibir as especies pirófitas nin revitalizar gandeiría e agricultura? É que nin consideran a posibilidade de que a poboación volva a estar razoablemente espallada polo territorio todo? Que só discuten dar máis ou menos orzamento para apagar lumes? Sabemos que entra nos seus plans impoñernos implacablemente as Zonas de Baixa Emisión, pero estes incendios xeran mil veces máis emisións. Dende, poñamos, 1992, España apostou por outras cousas: capitalismo financieiro a tope, converxer coa UE, falar inglés, aumentar o control social, regular a mínima actividade agropecuaria, recentralizar as comunicacións, apostar polas cidades, inmigración desatada, impoñer o wokismo e afíns, o belicismo, a OTAN, recortar as liberdades (non sendo sexuais), ou o que queiran vostedes. Por reconstruir o rural, polo noso agro, polas nosas xentes, polas nosas paisaxes e a nosa fauna, España nunca puxo a carne no asador.
Algúns xa non temos edade para creer todo o oficial. Exemplo: cando acabouse coas caixas de aforro, porque tiñan problemas, buscouse o ben social? Coa perspectiva de hoxe, está claro que non; buscaríanse outros fins; bos ou malos; ese, non. E así sucesivamente.
Os incendios deste ano pasaron todas as liñas roxas. Os argumentos oficiais (ainda admitindo a parte de verdade que teñan) sonan como a leria de sempre; unha persoa que teña 40 anos nunca escoitou outra cousa, igual que no tema do paro. Pero pouco a pouco a xente vai concienciándose dunha verdade incómoda que levamos tempo negandonos a ver: o rural galego non se recuperará sen desobedecer as normas da UE. Son un valado.
En fin. Esto non pode empeorar. Algo, sempre se pode facer. Para empezar, pisar terra e ser consciente de que o rural galego non está entre amigos, xa é un pequeno progreso.