Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2025 | Actualizada ás 22:39
Os incendios sen control que arrasan Galicia, especialmente na provincia de Ourense que mantén a situación 2, ascenden xa ata as 28.590 hectáreas calcinadas. Pero, se hai un concello afectado ese é Chandrexa de Queixa, onde se uniron nun único incendio os focos de Requeixo e Parafita. Xa son 11.000 hectáreas as que están arrasadas e é o segundo maior da historia de Galicia desde que hai rexistros, ao superar o de Valdeorras (10.500 hectáreas) da onda de 2022, no que se produciu a de máis magnitude: o do Courel (Lugo), con 11.800 hectáreas. Máis do 60% do concello ardeu xa que son xa 110km2 os que se consumiron dun municipio que ten 171km2.
A esta vaga de incendios, que avanza sen control e mantén á provincia de Ourense en situación 2, que calcina 28.590 hectáreas hai que sumar 3.000 hectáreas máis ardidas previamente no verán en Galicia, segundo os datos da Consellería do Medio Rural --que só comunica lumes de máis de 20 hectáreas--. No entanto, brigadistas apuntan que o sistema satelital Copernicus arroxa unha superficie maior queimada en Galicia.
Outro dos incendios con máis superficie queimada dos activos actualmente é o da Mezquita, na parroquia da Esculquiera, que arrasa 8.000 hectáreas. Séguelle o incendio de Oímbra, na parroquia da Granxa, que calcina 6.000 hectáreas e a Garda Civil detivo a un home, veciño da Gudiña, como presunto responsable deste lume no que resultaron feridos tres brigadistas que permanecen ingresados.
En Maceda os lumes das parroquias Santiso e Castro de Escuadro uníronse en único foco que calcina xa as 2.500 hectáreas. Pola súa banda, o incendio de Vilardevós, na parroquia de Vilar de Cervos afecta a 250 hectáreas, na parroquia de Moialde a máis de 40 hectáreas, e nas de Fumaces e a Rube a 20 hectáreas. Así mesmo, en Vilariño de Conso, na parroquia de Mormentelos, o lume calcina máis de 180 hectáreas e en Larouco, na parroquia de Seadur, xa hai 600 hectáreas queimadas.
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural dá por estabilizados os lumes de Ourense, na parroquia de Seixalbo (100 hectáreas); en Montederramo, na parroquia de Paredes (120 hectáreas); e en Dozón, na parroquia do Castro (400 hectáreas). Permanecen controlados os lumes de Samos (Lugo), parroquia de Santalla (200 hectáreas); na Fonsagrada, parroquia de Monteseiro (150 hectáreas); en Verín, parroquia de Mourazos (9 hectáreas); e na Estrada, parroquia de Souto (20 hectáreas).
SEN TREN
Por outra banda, o servizo ferroviario de alta velocidade entre Madrid e Galicia seguirá interrompido ata novo aviso ante a evolución dos incendios forestais que queiman boa parte do territorio de Castela e León e Galicia. "Coa seguridade dos viaxeiros como prioridade, e tamén dos servizos de emerxencias que traballan na extinción, Adif manterá suspendido o servizo ferroviario ata que a dirección da extinción dos incendios que se rexistran en Zamora e Ourense, principalmente, autoricen o paso de trens con plenas garantías de seguridade", explicaron Renfe e Adif nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.