Javi Otero Mouriño, o 'xusticeiro' contra o maltrato animal que conciencia a través das redes sociais

Javi Otero Mouriño é un mozo de Carril que rescata, convive e conciencia a través das redes sociais con humor e tenrura. Ensina o amor polos animais sen necesidade de adestramento, só con conciencia, e convida aos seus seguidores a non permitir o maltrato animal en ningunha circunstancia.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 04/10/2025 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Hai persoas que nacen cunha sensibilidade especial, un radar silencioso que os fai percibir doutra maneira a dor allea, mesmo cando esa dor a sofre un ser que non pode falar. En Carril, unha pequena vila mariñeira do concello de Vilagarcía de Arousa, vive un deses homes que semella levar gravado na pel o instinto de coidar. A súa vida sempre estivo vencellada ao mar, primeiro como mariscador e despois como buzo, pero tamén aos animais, que se cruzaron no seu camiño unha e outra vez coma se o buscasen a el, coma se soubesen que alí atoparían protección. Dende a pomba que recolleu cando era apenas un neno ata os corvos, gatos e cans que hoxe conviven baixo o seu teito, Javi Otero Mouriño (@anubis.dimitri) construíu ao seu redor un refuxio que non é só físico, senón tamén emocional.

Javi Otero Mouriño, o 'xusticeiro' contra o maltrato animal que conciencia a través das redes sociais
Javi Otero Mouriño, o 'xusticeiro' contra o maltrato animal que conciencia a través das redes sociais | Fonte: Cedida

O que comezou sendo unha afección privada --gravar aos seus paxaros, voalos, documentar a súa vida con eles-- rematou converténdose nun fenómeno viral que o situou, case sen propoñelo, como referente en redes sociais. Un vídeo espontáneo chegou para pasar de mil seguidores a decenas de miles, e dende entón cada publicación súa foi un lembranza de que os animais tamén precisan voz, coidados e cariño. Pero o máis sorprendente é que Javi non emprega esta popularidade para exhibirse, senón para concienciar e acompañar. Ás veces con humor, ás veces con crudeza, sempre con tenrura, leva aos seus animais a centros de día para alegrar a xornada a persoas con discapacidade, resposta a familias que atravesan momentos difíciles ou, directamente, enfróntase a situacións de maltrato animal sen pensalo dúas veces.  "Se tes que agardar a que a policía faga algo, o can morre", di sen rodeos, convencido de que a acción directa pode marcar a diferenza.

Nun tempo no que as redes sociais semellan feitas para a vaidade e o espectáculo, el convertiunas nun altofalante de empatía e xustiza. Javi non se considera 'influencer', aínda que si que o é. Non busca fama, aínda que si que a teña. O que busca é agasallar aire fresco a quen o precisa e demostrar que convivir con animais non é cuestión de ordes nin trucos, senón de contacto, de respecto e de liberdade compartida. A súa historia é a dun mariñeiro convertido, case por azar, en heroe anónimo dos animais, alguén capaz de arrincar un sorriso e, ao mesmo tempo, remover conciencias. A súa conta de Instagram (550.000 seguidores), ao igual que as de Tik Tok (74.000) e Facebook (200.000), é desas exemplares, das que oxalá existisen máis.

INFANCIA VENCELLADA AO MAR E AOS ANIMAIS E SALTO INAGARDADO ÁS REDES

Javi Otero Mouriño naceu e medrou en Carril, unha vila mariñeira de Vilagarcía de Arousa. A súa vida sempre estivo vencellada ao mar: foi mariscador durante 10 anos e agora traballa como buzo. Pero, dende neno, xa sentiu unha atracción especial polos animais. Aos 7 anos, seu irmán levoulle unha pomba que caera do niño. Javi alimentouna, levouna con el ao colexio e a pomba aprendeu a volver soa á casa. "Dende neno xa espertou en min ese desexo de coidar dos animais", lembra. E aquela primeira experiencia marcou un camiño que xa non o abandonaría. Pouco a pouco, a xente da súa contorna comezou a velo coma alguén a quen acudir en caso de necesidade: cando aparecía un paxaro ferido, cando alguén atopaba un animal abandonado... Mesmo antes de ser coñecido en redes, xa recibía chamadas e mensaxes.

A súa relación con Instagram e Tik Tok naceu de maneira casual. Sempre tivo paxaros e gravava os trucos que facía con eles e como os alimentaba. "Tiven corvos toda a miña vida", di. Con documentación en regra, ao igual que se precisaría para ter un loro, por exemplo. "Nos meus vídeos amosaba como convivía con eles", apunta. E foi un día calquera cando lle chegou un aviso: regalaban un pitiño de corvo en Sabadell (Barcelona). Sen pensalo dúas veces, amosou o seu perfil público a quen o ofrecían e quedaron impresionados cos seus coidados: "Ninguén ten un corvo tan ben coidado coma ti", lembra que lle dixeron. Así foi como o animal viaxou ata Carril e, pasado un tempo, Javi subiu un vídeo ás redes dos seus dous corvos interactuando, cun toque de humor. O vídeo fíxose viral e Javi pasou de ter mil seguidores a ter máis de medio millón en poucos meses. "Non foi nada planeado, non buscaba ser 'influencer', veume de rebote", asegura.

CONCIENCIA SOCIAL E UNHA CASA CONVERTIDA EN REFUXIO

Consciente do alcance que gañara, Javi decidiu empregar a súa fama cun propósito claro: axudar. Non só amosa aos seus animais nas redes, tamén os leva a centros de día para persoas con discapacidade intelectual ou resposta a mensaxes de familias que precisan alegría. "Se é xente nova que só quere vir voar o corvo por entretemente non acceso, porque prefiro gastar o meu tempo con quen de verdade precisa unha bocanada de aire fresco", sinala. E tamén se ve alentado pola denuncia e a acción directa. "Se tes un veciño que trata mal a un animal, quítallo", asevera. E conta que el mesmo tivo que facelo: "O outro día tiven que entrar nunha finca na que había unha cadela abandonada: metinlle unha patada á porta e leveina, porque se chamas á policía e agardas a que veñan e fagan os trámites todos, o can morre". Por estas cousas podemos dicir que Javi é algo así coma un "xusticeiro contra o maltrato animal".

O seu fogar é un pequeno refuxio onde conviven especies diversas: dous gatos --un deles coñecido en redes como 'Ardilla Nocturna', rescata das rúas--, dous cans --entre eles Pinky, adoptado hai 13 anos nunha protectora--, un falcón chamado Petrusca e dous corvos, Dimitri e Vladimir. A eles súmase Anubis, unha cadela lobo checoslovaca que chou ás súas mans por azar e que leva 7 anos ao seu lado, inseparable. Cada rescate trae unha historia. Pinky, por exemplo, apareceu "todo acongoxado e pequeniño" nunha protectora e, dende que decidiu quedarse con el, xa non se separan. A 'Ardilla Nocturna' subíuselle a lamerlle a cara unha noite, seguíndoo ata a casa e xa nunca volveu marchar. "A primeira noite que a vimos durmiu con nós e xa se quedou para sempre", lembra Javi.

FILOSOFÍA DE CONVIVENCIA E LIBERDADE CON HUMOR E CERCANÍA

A forma que ten Javi de relacionarse cos animais é particular. Non cre no adestramento estrito, senón na convivencia diaria. "Nunca ensinei a Anubis a facer nada, nunca lle puxen correa, pero cando chega a un paso de peóns sabe que ten que deterse, e aprendeu soa", asegura. "Ao final o máis importante é ter algo de psicoloxía para os animais, o contacto, estar con eles e que vaian vendo", explica. Para el, o máis importante é darlles a liberdade que precisan. "Esa é a maneira correcta de ter un gato: que sala, que volva, e que non pase a vida encerrado nun piso", expón. E aínda que sabe que pode pasarlles algo cada vez que saen pola porta, considera que "non podemos vivir con ese pensamento porque nos leva a cortarlles a súa liberdade".

A personalidade de Javi mestura seriedade e humor. A súa ledicia trasládase constantemente nos seus vídeos. "Hai que meterlle un toque de coña á vida, de sarcasmo e cachondeo", asegura. Así, converte a Pinky en protagonista de broman, imaxinándoo coma un can 'borracho' que se vai de ruta polos bares da vila. Esa mestura de tenrura e humor é o que verdadeiramente atrapa ao seu público. E hoxe Javi recibe milleiros de mensaxes de agradecemento que o sorprenden: "Dinme que son un heroe para os animais, que en cada vila debería haber alguén coma min". E, aínda que sigue traballando como buzo, cada minuto libre adícao a rescatar, coidar e visibilizar aos animais. Entre mareas e rescates, con sarcasmo e amor, Javi Otero Mouriño converteuse nun referente inagardado da defensa animal dende un recuncho mariñeiro de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta