Por Europa Press / Redacción | Ourense | 20/08/2025 | Actualizada ás 14:07
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que pedirá a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no primeiro pleno de setembro para dar explicacións sobre a xestión de incendios. Neste sentido, Besteiro advertiu de que a "prioridade inmediata" segue sendo "apagar os incendios, garantir a seguridade dos veciños e apoiar ás familias afectadas".
Con todo, unha vez controlada a emerxencia, o líder dos socialistas galegos asegurou que Rueda deberá "render contas" pola súa xestión da onda de incendios e pola dispoñibilidade efectiva dos recursos e medios usados nas tarefas de extinción.
O Sistema de Información de Incendios Forestais do programa europeo Copernicus reflicte que, no que vai do mes de agosto, arderon en Galicia 154.888 hectáreas e case 30.000 hectáreas foron arrasadas nos últimos días.
MÁIS DE 150.000 HECTÁREAS QUEIMADAS
Segundo os datos actualizados de Copernicus, a área afectada na provincia de Ourense suma xa 151.419 hectáreas, fronte ás 122.754 hectáreas contabilizadas ata a tarde do pasado luns. Na provincia da Coruña a área queimada ascende a 1.533 hectáreas (1.163 na tarde do luns), en Pontevedra a 1.326 hectáreas (1.324 hectáreas o luns) e en Lugo son 610 hectáreas (604 na tarde do luns).
No caso de Galicia, a crise actual é a segunda peor onda incendiaria da historia da comunidade, tras a de 2006, cando arderon unhas 95.000 hectáreas. Na actual onda, segundo os datos da Xunta, a superficie queimada é de case 68.000 hectáreas, e seguen activos o tres peores incendios da historia de Galicia: Larouco (máis de 20.000 hectáreas), Chandrexa de Queixa (18.000 hectáreas) e Oímbra-Xinzo (15.000 hectáreas).
O PSdeG DENUNCIA QUE A XUNTA "BLOQUEOU" 8 MILLÓNS CONTRA INCENDIOS
O PSdeG denunciou que a Xunta ten "bloqueados" desde xaneiro 8,3 millóns de euros de fondos europeos destinados á prevención de incendios forestais e, por conseguinte, "deixou sen executar" traballos esenciais nun verán marcado pola onda de incendios.
A deputada socialista Carmen Dacosta indicou que a Consellería do Medio Rural "ten sen resolver" dúas liñas "clave": 2,99 millóns de euros en obras de infraestruturas de prevención, repartidos en nove lotes que están sen adxudicar e 5,4 millóns de euros en subvencións para actuacións preventivas --480 expedientes presentados-- pendentes de resolución.
"Falamos de rozas, devasas, pistas forestais, tarefas que debería estar feitas desde a primavera e que hoxe non existen sobre o terreo. É desolador ver que moitas desas actuacións estaban previstas precisamente en zonas que agora arden", denunciou Dacosta.
Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que a prevención "non pode seguir atrapada" en trámites e papeis. "Galicia non pode permitirse que o diñeiro europeo quede nos despachos mentres o lume arrasa o noso territorio", sinalou Besteiro.
DETIDO PRESUNTO INCENDIARIO EN POIO
A Garda Civil de Pontevedra detivo a un home, de 34 anos, con antecedentes penais como responsable dun incendio en Poio.
Segundo informou o Instituto Armado, a patrulla que estaba de servizo recibe aviso dun incendio na localidade de Poio e ao chegar ao lugar localizaron a un grupo de persoas que sinalaron unha vivenda e indicaron que o autor dos feitos estaba no interior.
Os axentes aproximáronse ao lugar e un home manifestoulles, en varias ocasións, que era o autor do incendio. Desta forma, foi detido como presunto autor dun delito de incendio.
MARGARITA ROBLES: MEDIOS AÉREOS SUFICIENTES
A ministra de Defensa, Margarita Robles, asegurou que "son suficientes" os medios aéreos que na actualidade combaten as chamas nos incendios forestais de Ourense, Castela e León e Estremadura e precisou que dada a duración e como se cubriu os ceos "era imposible" que puidesen voar.
"Eu sempre poño en valor o que me dicían os pilotos do Exército do Aire e o Espazo que me repetían a enorme frustración que tiñan de estar preparados de querer voar e non poder voar porque era imposible", expresou.
PROTECCIÓN CIVIL: ESCENARIO MÁIS FAVORABLE
A directora xeral de Protección Civil, Virginia Barcones, destacou que este mércores se está desenvolvendo un "escenario máis favorable" ante a onda de incendios que arrasa España desde principios de agosto xa que o número de lumes en situación operativa 2 mantense en 21, mentres que as peticións de activación da Unidade Militar de Emerxencias (UME) descenderon.
"Presentámonos ante un escenario máis favorable ante a evolución dos incendios, baseándonos nese principio de que se mantén estable o número de incendios pero baixa o número de activacións da UME", sinalou ao termo da reunión do Comité Estatal de Coordinación (CECOD) contra os incendios, presidida de maneira telemática polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e á que asistiron representantes do resto das institucións membros deste organismo.
Virginia Barcones, sinalou ter preguntado o día 15 de agosto ás comunidades autónomas (CCAA) polos medios aéreos que tiñan dispoñibles porque o organismo estatal estaba "a traballar desde a base da anticipación", en previsión dun escenario "desfavorable".
OPTIMISMO NA CECOP DE OURENSE
A xefa de servizo de prevención de incendios forestais en Ourense, Sandra Martínez, celebrou que a situación agora mesmo está "moito máis tranquila" e "por fin" están a avanzar no que son as tarefas propias de extinción.
"Levabamos varios días nos que os labores de extinción pasaran a un plano, digamos que, máis secundario, porque había que preocuparse doutras necesidades que eran xa de protección de poboacións", explicou Martínez a Europa Press na CECOP de Ourense.
E é que a provincia de Ourense leva desde o pasado martes 12 de agosto no nivel 2 de emerxencia, decretado pola Xunta, debido á vaga de incendios. Este mércores é o segundo día que as previsións "melloran" e o persoal pódese centrar máis nas tarefas de extinción. Neste sentido, Martínez apuntou que as actuacións foron "moi positivas" durante a noite e que esperan que "continúen así ao longo do día".
"Os que teñen agora máis actividade son o de Vilariño de Conso, na zona sur do parque Natural do Invernadoiro, e outro incendio que entrou de Castela e que afecta os concellos de Carballeda de Valdeorras e A Veiga. Pero en xeral a evolución de todos a tal hora é moi positiva", concretou.
En canto aos incendios que continúan presentando dificultades, Martínez sinalou o de Larouco, que ten aínda zonas que aínda presentan reproducións. Tal e como está a evolución, explica, "hai que centrarse nas poboacións próximas a Serra de Enciña da Lastra e despois na parte de Lugo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.