O PSdeG acusa a Rueda de deixar só ao delegado do Goberno durante a crise do apagametno

Di que Rueda optou por unha “estratexia partidista” e fixo "un marcho que teño que marchar".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/05/2025 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou este luns que, ante a emerxencia producida polo apagamento do pasado 28 de abril, Rueda optou por unha “estratexia partidista” en lugar de atender os intereses da cidadanía. A deputada do PSdeG confrontou a resposta que deron os diferentes responsables políticos a unha situación “excepcional de alerta que puxo a proba o funcionamento das Administracións”. Así, dixo que foi “dunha gravidade tremenda” que Rueda se ausentase do centro de emerxencias (Cecopi) durante toda a noite, mentres o delegado do Goberno, Pedro Blanco, seguía “ao pé da emerxencia”. De feito, Blanco estivo no centro incluso co nivel 2 de alerta, cando a obriga da xestión correspondía á Xunta de Galicia.

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, en rolda de prensa.. PSDEG
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, en rolda de prensa.. PSDEG

Queremos saber a que hora entrou e a que hora saíu Rueda do Cecopi”, reclamou Méndez tras sinalar que o Grupo Socialista rexistrou unha iniciativa parlamentaria en demanda dunha resposta. “Que fixo o señor Rueda? Chegou esa noite, fixo unha aparición breve, sacou unha foto e marchou. Pasou toda a noite e volveu aparecer pola mañá para dar unha rolda de prensa”, relatou Lara Méndez sobre un episodio no que se viu “un Partido Socialista traballando e outro, o PP, ausente”.

Destacou que os responsables socialistas estivesen “onde tiñamos que estar” tamén nos momentos nos que a situación non era competencia do Goberno central, “porque cando hai unha emerxencia hai que pensar no benestar dos veciños e das veciñas”. Outros, en cambio, “fixeron un ‘marcho que teño que marchar’ e aí quedades, unha actitude que responde a unha estratexia política moi clara”, denunciou. A parlamentaria do PSdeG lamentou, nese senso, que o obxectivo do PP fose “desgastar ao Goberno”, agardando a que fallase ou tardase en darlle solución ao problema. “Onde quedan os galegos e as galegas nesta estratexia partidista? Para que quere o PP máis competencias, se despois traslada a responsabilidade das que ten ao Goberno central?”, lamentou.

Lara Méndez invitou á Xunta a abrir algunha liña de axudas ás persoas e empresas que sufriron perdas debido ao apagamento. “Dado que aquela noite non se preocuparon, queremos saber que van facer agora, se van estar ao carón dos prexudicados”, dixo. Fronte a esa actitude, Méndez valorou que o Partido Socialista “segue traballando polo que importa de verdade”, como a sanidade pública, a vivenda e as políticas sociais, uns temas que están a “marcar” os congresos do PSdeG, segundo sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta