Resistencia Galega: "Non somos nin o novo Exército Guerrilleiro nin a ETA galega"

Galiciaconfidencial publica en exclusiva unha entrevista que chegou a nosa redacción con Osbaldo Brea, membro de Resistencia Galega. Trátase do primeiro contacto cos medios despois das accións violentas destes independentistas nos últimos meses. Na conversa Brea asegura que Resitencia Galega está formada por varios grupos autónomos.

Por Galicia Confidencial | Galicia | 30/05/2007 | Actualizada ás 02:18

Comparte esta noticia

 

"Moitas veces teño comentado coas compañeiras de traballo a maneira na que funciona este noso xornalismo galego: o mesmo caciquismo que o que temos denunciado noutros ámbitos, favoritismos ... e falta de audacia investigadora. En Galicia podíamos ter un xornalismo punteiro neste ámbito, dado que o noso país está cheo de casos escandalosos de corrupción, tramas escuras, nepotismo. Pero parece que non queremos.

Hai varios meses conseguía unha entrevista exclusiva con unha personaxe que alcanza certa notoriedade nos círculos policiais do noso país. Chámase Osvaldo Brea, e os corpos de seguridade sinálano, nos seus cenáculos, como un dos responsables dos casos de violencia independentista no noso país.

Vamos, o que a maioría da poboación chamamos ‘terrorismo de baixa intensidade’, e unha nova xeración de mozotes radicalizados chaman ‘sabotaxes’. Pois ben, nin o director nin os cargos intermedios do xornal onde traballaba aceitaran publicalo. Iso, a pesar de eu manifestar máis ou menos de xeito explícito o meu rexeitamento a toda violencia, e a miña querenza -ben coñecida desde os meus anos tolos universitarios- polo nacionalismo pacifista e democrático.

E non pasa nada. Así anda este país, que tiven que facer público ese material xornalístico de primeira orde nun portal antiglobalización dos tan en voga nestes tempos. E o interese xornalístico logo quedou probado: unha charla con membros da Comandancia da Guardia Civil da Coruña deixoumo ben claro. Querían saber cousas, e eu díxenlle que o meu compromiso coa democracia comeza no compromiso co xornalismo. Eu quero deixarlle falar ata aos fanáticos, e se queren dados, que lean a entrevista.

¿Máis mostras de interese? Pois o feito de que, de maneira fraudulenta, outros medios de grande tiraxe se aproveitaran da miña investigación, mesmo editando a foto que eu tirara do propio Osvaldo. Cando o xefe superior de Policía da Comunidade Autónoma fala deste home como ‘parte do problema’, a cousa está clara. Aquí a prensa non quere ser incisiva e pretende aproveitar o traballo de outros.

Volta a empezar

Ao longo desta pasada primavera, un home que non quere identificarse abórdame un día á saída do traballo, ofrecéndome que o acompañe para unha nova conversa con Osvaldo. Seica quedou satisfeito do resultado da primeira charla. Advírtolle que non quero darlle sona a ninguén, e menos a iluminados románticos trasnoitados que van rematar moi mal. Pero levo o xornalismo nas veas e non podo dicir que non.

Voltas e reviravoltas nun coche escuro, obrigada a ollar para abaixo, e horas de viaxe. Estou nun merendeiro perdido no monte, seguramente Lugo ou Ourense, porque aquí non hai case eucaliptos. El está como na anterior ocasión. Saúdame amablemente e nótoo máis canso, pero conservando o atractivo que tería engaiolado a calquera mociña de vinte anos. Eu traio a entrevista preparada durante o traxecto, pero el, falador, adiántaseme.

Osvaldo Brea: Oes, se falo contigo é por algo serio, non para que fagas sensacionalismo nin inventes liderados.

Pregunta: Ben, non hai problema. Creo que fun fiel ao que me dixeches a primeira vez.

Non estou moi certo. A xente anda a falar de organizacións, liderados, bandas terroristas ... e iso xustamente é do que eu quería fuxir.

Mira, eu non traballo para ti nin para ningún medio, neste xusto intre. Qué opinas das últimas informacións dos medios de comunicación e da policía?

Quererás dicir das últimas informacións fabricadas pola policía e copiadas e pegadas polos medios. ¿E que vou pensar? Pois que son merda pura, e por iso quedo contigo. Para aclarar o que penso eu e o meu grupo. O que pensan o resto de grupos de acción, pois supoño que será parecido.

Aclárame isto ...

A ver, aquí hai grupos de xente organizada, e algún individuo, fartos da legalidade. Que se mocións, que se protestas de catro ou de cincuenta, que se rogos e preguntas, que se artiguiños de prensa para progres ... e veña obras que desfan todo, e planos xerais, e abusos policiais, e turismo para ricos, e traballos escravos en todas partes. E si, o legal vale, e crea opinión, e moi ben. Pero un país que non ensina os dentes dá o riso. Vai o poder, dálle unha palmadiña nas costas e dille ‘moi ben rapaz, tes toda a razón, pero manda quen manda’. ¿Ou ti non ves que aquí todo deus se riu sempre dos galeguistas e dos nacionalistas? Tan boíños que moitos queixarse pero ao final pisoteados.

Van máis de dez anos con grupos a actuar e completar o legal co ilegal. Uns máis lanzados, outros menos. E tanto serve un bo petardo artesanal, como foderlle un parking aos ricos enchéndoo de puntas, que non hai fascinarse coa técnica. Total, para os españois todo é terrorismo, ata poñen unha pegata con un cóctel molotov debuxado; pois uns están máis centrados en traballar a nivel básico, outras que van moi por arriba, ben ves que artistas. E a partir dun momento, desde as nosas peculiaridades, uns van e din: ‘isto é a resitencia galega’. E a min paréceme de ‘puta madre’; que queres que che diga. Pois estar todos polo mesmo, aínda que pegando desde distintos sitios. Agora ben: isto non é organización ningunha, isto non é o novo Exército Guerrilleiro nin a ETA galega. Isto é unha nova forma de entender a violencia dos oprimidos, dos de abaixo, na cal non necesitamos que unha única organización monopolice a resposta violenta. Quero que reproduzas isto literalmente: na Galiza hoxe hai varios grupos, independentes entre si, golpeando ao inimigo na mesma dirección. A isto ven chamándoselle "Restistencia Galega".

Despois dos últimos atentados contra intereses inmobiliarios e contra o AVE, a subdelegación do goberno asegurou telos identificados e preveu detencións ...

Home, o que tiña ‘coña’ era que dixeran "¡Que tipos fenómenos! ¡Énchenos o país en bombas en plena campaña electoral e non pillamos un!" Non, muller, non ... A min o que me sorprende é que toda a esquerda teña claro o papel da CNN na guerra de Iraq, e a súa utilización por parte da CIA, e ninguén se cuestione o papel fundamental que, nesta guerra pequeniña nosa, xogan tamén os medios de comunicación. Ameijeiras é o Redactor Xefe de todos os periódicos galegos. E si, nós sabemos que os temos encima, que tamén vamos recibir paus, pero tamén temos claro que, mentres vaiamos zafando, eles teñen que asustarnos a nós e á xente que apoia isto, falando de control, de detencións inminentes, de prisión ... a ver se algún, de tanto ler La Voz de Galicia cae da burra e retorna ao "independentismo responsábel".

Sígueme a sorprender a normalidade coa que falas do futuro que vos agarda ...

¡A min o que me sorprende é a normalidade coa que a maioría vive un presente baleiro de contido e un futuro que necesita ser televisado para parecer bonito! Ti sabes tan ben coma min que os que pega a Policía non son o peores golpes que se receben nesta sociedade. Coñezo moitas persoas a tratamento psiquiátrico angustiadas polo final de mes ou expulsadas pola forza do sistema: todas viro violentamente frustrados os seus desexos dunha vida tranquila e feliz, pero ningunha anda na loita armada. Mira, partamos de que é case imposíbel pasar sen unha rabuñadura por esta vida en permanente conflito, por esta sociedade de depredadores e ovellas .. a diferenza é que nós recebemos golpes por ensinar os dentes, mentres outros o fan por agochar a cabeza.

Desde logo, coa vosa política alucinada, estades a gañar un protagonismo mediático que nin soñabades ...

¡Oes, non te trabuques! Os medios, para os políticos, e tanto ten se de dereita ou de esquerda descolorida, son o seu panciño diario. "Pórtateme ben que saes na foto! Saca este carteliño que gañas protagonismo!" A nós iso dános igual. Sabes porque sacaron os últimos traballos, e eu non sei quen os fixo? Porque non lle quedaba outra. Porque van os veciños de tal parroquia e din "Ostia! Acaba de estoupar a máquina esa que nos desfixo as leiras!" E tal, e córrese a voz ... e ven o obediente de garda no xornal e escrebe ‘radicales destrozan obras públicas’. E como hoxe existe internet, van os veciños do Val Miñor, e escriben nun foro ‘unha sabotaxe contra un chalé ilegal en tal sitio’ e os medios van e adornan, e intoxican. A nós interésanos que o saiba a xente, pero porque coñece como traballamos, e non porque cre no que os medios lle din que somos.

E sen os medios, a xente sabería tanto de vós?

Sabería menos, pero sabería. E pouco a pouco, non hai presa. Ti pensa, teñen publicado o dos últimos ataques, pero hai ducias de traballos que silencian, porque lles convén. E unha mañá un mozo vai ao traballo e ve tal ETT calcinada, cunha bandeira galega pintada no vidro, e toma nota ... e outro unha lúas escachadas coas siglas RG, e vaille soando, e un turista español, que non chega ao club náutico porque lle escarallaron o coche, polo que lle interesa, non esquece. Hai que xuntar granciños de area, e se fai falta, ter medios propios: panfletos, mensaxes anónimas, internet ... ¡Se temos que esperar que nos dea publicidade El Correo Gallego e Fernández de Mesa!

Dirás Ameijeiras ...

Ben, Ameijeiras.

Non sei aquí no medio do monte, pero na cidade os resultados das vosas accións nos se interpretan como o fas ti. A xente, mesmo a declarada nacionalista, ve que ao único fin que sirve esta violencia é ao desexo de saciar os soños revolucionarios de catro iluminados. De verdade cres que así, a bombazos, vaise rematar coa especulación inmobilaria?

Non, que va ... O camiño é o cambio institucional e os gobernos municipais nacionalistas ... Disto si que vemos os resultados todos os días : ¡Desde que Quintana está na Xunt,a os especuladores foxen espantados, pensan que é outro Hugo Chávez! E para conquistar mellores condicións de vida, o mesmo. Mira que satisfeitos están os mozos do naval coas condicións de traballo que lles aseguran os do bipartito. Por iso asinan o convenio con tácticas de puro pacifismo (risos).

Cando damos por rematada a entrevista xa é noite, e aínda calculo unhas dúas horas de viaxe para regresar a unha normalidade que no medio dese bosque, e baixo o ollar deste home, consigue aparentar máis fráxil e inconsistente de como a maioría das persoas estamos acostumadas a percibila. De volta, Osvaldo Brea acompáñame no asento traseiro dun coche conducido con seguridade por un home de imaxe discreta, xesto amábel e poucas palabras. Déixame na entrada da cidade na que vivo, e cando me estou a despedir doume conta de que non tirei ningunha foto. Só teño o teléfono móbil para sacarlle unha "Impórtache?", pregunto enfocando coa lente do aparello. "É das cousas que menos me importan neste intre", responde sorrindo."

Podes consultar máis información ao respecto aquí. Galiciaconfidencial publícase baixo licenza Creative Commons, polo que pódese reproducir as súas información para fins non comerciais, pero sempre citando a fonte e sen adulterar o contido tal e como a nós nos foi remitido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Aderan

Xa que anda polos montes de Lugo, a ver si ese home poderia limpar un pouco as xestas e os toxos, que esa si seria unha boa contribucion o progreso medioambiental e para evitar incendios forestais. Eis a maneira de trocar imaxe. Polo demais, como algun dixo, este home non e mais que un parvo coa cachucha chea de biosbardos.

2 sardaña

vaia conto, vaia parvo bipolar

1 fun polo aire

Que cousa mais infantil, ¿alguén traga con esta "investigación" e con esta "entrevista nos montes de lugo"?. Esforzo naif por sofisticar o fume.