Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2021 | Actualizada ás 14:02
A directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría, presentou este mércores un estudo que evidencia a posibilidade de que a Comunidade conte con 11 dos 30 minerais considerados pola Unión Europea (UE) como estratéxicos para o desenvolvemento industrial e reducir a dependencia facía os provedores.
O estudo bibliográfico realizouse no marco da 'Iniciativa das Materias Primas da UE'. Da última lista de materias primas consideradas como fundamentais pola UE, e presentada o pasado setembro, Galicia contaría, entre outros, con wolframio e litio, minerais indispensables para a fabricación de teléfonos móbiles.
O obxectivo da iniciativa é reducir a dependencia da UE fronte aos principais países provedores destas materias e garantir unha subministración estable e sustentable para o desenvolvemento industrial da comunidade, sen estar suxeitos ás fluctuacións de mercados externos. A presentación do estudo sobre a presenza destas materias en Galicia contou coa presenza de representantes da USC e o Colexio Oficial de Xeólogos.
Estas entidades subliñaron que esta acción se desenvolveu de forma bibliográfica e que, antes de pasar á minaría e industrialización dos posibles xacementos, queda verificar a súa presenza sobre o terreo e elaborar máis estudos para a súa explotación. Por agora, o que ofrece o estudo é un inventario destes materiais. Pola súa banda, a Xunta asegurou que aínda non se concretaron novas fases do proxecto, pero aseguraron manter o desenvolvemento dunha axenda para a minaría en Galicia que inclúe máis accións nesta liña.
A directora de Planificación Enerxética asegurou que o estudo supón un avance para a recuperación do tecido mineiro galego e que, de poder levar a cabo a explotación destes recursos, Galicia podería desenvolver unha industria fundamental para os intereses de Europa. Uría insistiu en que, de desenvolverse dita industria, a Xunta impulsaría unha minaría "sustentable e racional" que favorecería a creación de emprego na comunidade e o desenvolvemento do 'Pacto Verde' europeo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.