Unha empresa galega consegue a patente europea para fabricar estropallos ecolóxicos cun cultivo pioneiro de luffa

Ibérica de Esponjas Vegetales fabricará tamén esponxas vexetais de uso cosmético.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2021 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A empresa agroforestal galega Ibérica de Esponjas Vegetales é pioneira no cultivo de luffa e agora conseguiu a patente europea para a fabricación de esponxas vexetais de uso cosmético e estropallos de cociña ecolóxicos.

Cultivo de luffa en Caldas de Reis
Cultivo de luffa en Caldas de Reis | Fonte: IBÉRICA DE ESPONJAS VEGETALES - Europa Press.

Con sede no concello de Caldas de Reis (Pontevedra), é a principal empresa europea dedicada ao cultivo procesado desta especie vexetal.

Tras anos de investigación, conseguiron unha variante xenética propia e unha fibra vexetal de "moi alta calidade", segundo sosteñen. Actualmente, contan coa patente en China e Canadá, acaban de conseguir a da UE e están pendentes da concesión en Estados Unidos, informa a compañía.

"A maioría de esponxas e estropallos están feitos con materiais sintéticos. Co uso, vanse desgastando e rompendo en anacos que pasan polo desaugadoiro e convértense en microplásticos que acaban no mar. Por iso pensamos en obter fibras vexetais para a substitución dos plásticos nestes produtos", indica o director técnico da firma, Juan Carlos Mascato.

A luffa é un vexetal cuxo froito é moi similar ao calabacín e a súa pulpa interna vaise deshidratando e transformándose en fibra. Unha vez madurado, cultívase, pélase, quítanse as sementes e déixase secar. Así se extraen as fibras, que logo se tratan con auga termal a 43 graos.

A empresa foi seleccionada para participar no programa Agrobiotech, promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia e a Xunta, que busca icnrementar o nivel de excelencia das pemes innovadoras galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta