Máis de mil exemplares e 38 criadores na Feira do Capón

Unha das feiras tradicionais máis esperadas de Vilalba volve ser presencial tras o parón do ano pasado obrigado pola pandemia. No programa do vindeiro martes 21 de decembro inclúense demostracións de cociñado, degustacións e música tradicional, ademais do sorteo de dous exemplares.

Por X.M. Fernández | Vilalba | 19/12/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, a concelleira de Feiras e Mercados, Antia Rama, e María José López, criadora, presentaron esta semana a programación da Feira do Capón remarcando a ilusión de que se volva facer como marca a tradición. “A pandemia obrigounos a suspender a feira presencial o ano pasado, polo que a retomamos agora con moita ilusión e damos a benvida a todas aquelas persoas que nos queiran visitar esa data”, apuntou a alcaldesa de Vilalba

Cartel.
Cartel.

“É o pistoletazo de saída para o Nadal aquí, a feira do capón é un emblema de Vilalba e ten moita repercusión nacional e internacional”, manifestou pola súa parte Antía Rama, que garantiu “todas as medidas e protocolos Covid-19 vixentes, para o que contamos coa colaboración de todos e todas as asistentes”.

Pola súa parte, a criadora María José López engadiu que “o capón é un manxar que temos aquí en Vilalba e só se cría para o Nadal, esperemos que na feira non se note a folga de transporte”.

PROGRAMA

A feira abrirá as súas portas ás 09.30 horas da maña, coa presenza da maior parte dos 38 criadores censados e con boa parte dos case 1.250 exemplares que están criando. A partir desa hora comeza o mercado, no que as e os asistentes poderán adquirir os capóns para a cena de Nadal, pero ademais tamén poderán aproveitar para asistir a unha demostración de cociña de balde para saber os detalles dun bo cociñado desta ave de curral autóctona.

Presentación da 'Feira do Capón  2021'. Foto: Prensa Concello de Vilalba.
Presentación da 'Feira do Capón 2021'. Foto: Prensa Concello de Vilalba.

Na feira haberá tamén outros produtos típicos da zona e a música tradicional que amenizará o recinto feiral chegará da man de Cerna de Árbol, unha agrupación formada polos veciños da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol.

Non faltarán os tradicionais premios aos criadores: mellor criador, mellor cesta, mellor par, maior número de exemplares á feira e o premio especial, que como sempre será segredo ata ese día. A entrega dos mesmos será ás 11:00 horas nun acto presentado polo presentador da TVG Fran Cañotas. Como novidade, haberá un sorteo entre as e os asistentes de dous capóns gañadores do ‘Premio ao mellor par’.

Tamén se fará entrega do premio ao pequeno gañador ou gañadora do I concurso infantil de deseño do cartel do capón para o ano 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta