O segundo plan estratéxico para a Cidade da Cultura expón "converter o Gaiás nunha fábrica de contido"

Esta folla de ruta prevé 520 eventos culturais ao ano e o obxectivo de incrementar un 43% o fluxo de visitantes ao complexo ata 2027.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2021 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou este sábado o 'II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura (2021-2027)' no que se expón un programa de 70 accións co que "se mobilizarán preto de 30 millóns de euros" co fin de potenciar a innovación e a creatividade como motores de desenvolvemento en Galicia. Entre as iniciativas atópase a creación do Centro de Artes Dixitais de Galicia e o proxecto 'Ollándonos'.

Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de converter o Gaiás nunha "fábrica de contidos" que vaia máis aló da exhibición. Tamén destacou que os "principais retos desta nova etapa" son "as persoas", a internacionalización, descentralización, o reto tecnolóxico e a expansión da cultura galega.

En total, prevese desenvolver 5.000 eventos culturais, pasando dos 286 anuais aos 520, incrementar un 43 por cento o fluxo de visitantes. Así mesmo, buscarase elevar o retorno económico dos 1,85 euros actuais --por cada euro que inviste a Xunta-- aos 2,5 para o 2027.

CENTRO DE ARTES DIXITAIS DE GALICIA


A principal novidade do novo plan é a creación do Centro de Artes Dixitais de Galicia, co que o Gaiás aposta "de forma decidida polo binomio de arte e tecnoloxía", segundo subliñou o conselleiro.

Con este centro, que se situará na parte inferior do Edificio Fontán, búscase "crear" e "exhibir" contido dixital. O novo proxecto contará con experiencias inmersivas, simuladores, realidade aumentada, e busca "achegar estas disciplinas ao público" e "axudar os creadores" a mellorar as súas capacitacións dixitais e reconfigurar os seus modelos de negocio.

Desta forma, tal e como indica o resumo do plan estratéxico, búscase dar resposta á inminente dixitalización "que está a transformar a cultura".

PROXECTO 'OLLÁNDONOS'

Outra iniciativa será o proxecto 'Ollándonos', co que se quere "ter unha liña de acción específica" que sirva para divulgar e pór en valor a "capacidade creadora dos principais e máis relevantes artistas galegos" mediante exposicións temporais, tanto no Museo Centro Gaiás como noutras cidades.

Segundo o avanzado no resumo executivo do plan, un dos novos obxectivos estratéxicos consiste en "desenvolver unha actividade e programación atractiva e xeradora de valor para a sociedade e o sector cultural e creativo".

Neste acto tamén participou o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, quen comezou a súa intervención resaltando que "seguramente" a Cidade da Cultura foi o proxecto "máis controvertido, criticado e cuestionado" da historia de Galicia e que por iso esta nova fase vai consistir en aprender a "querer" o Gaiás como "un patrimonio compartido polos galegos".

DESCENTRALIZACIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN

O segundo obxectivo consiste en "consolidar" o complexo "como guía do sector cultural galego", coa intención de crear "un Gaiás máis aló do Gaiás, unha Cidade da Cultura de Galicia cada vez máis Galicia", puntualizou Rodríguez. Isto vinculouno cunha das principais accións do plan, a descentralización, potenciando "producir contidos en espazos culturais doutras cidades".

Así mesmo, a Xunta busca converter á Cidade da Cultura nunha das principais ferramentas para proxectar a cultura da Comunidade no exterior. Deste xeito, a internacionalización "é o terceiro eixo deste plan", segundo Rodríguez, coa intención de "conectar e xerar confianza" nas principais institucións do mundo.

O último obxectivo do plan é "fortalecer o papel do Gaiás como un destino creativo e de relevancia turística", a través de accións dirixidas a estreitar a conexión da Cidade da Cultura co Camiño de Santiago e o Xacobeo.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación do segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación do segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta