Continúa a polémica AVE: chegou ou non chegou antes de 2022?

Caballero afea a Feijóo "mentir" por dicir "que non estaría en 2021" e o presidente ironiza con que "presuma" de que chegue "9 días antes" de 2022.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2021 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O AVE a Galicia coouse na sesión de control na semana inaugural e das primeiras viaxes comerciais entre Madrid e Ourense da man do portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen acusou ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "mentir" ao dicir que "non chegaría en 2021". En fronte, o presidente suxeriulle "non sacar peito" por que o fixese a semana antes de que acabe ano e reiterou que está incompleto e debe estenderse ao resto de urbes.

Así o trasladou nun debate parlamentario no que Caballero tirou de hemeroteca e, ademais de censurar a "falta de estratexia" do Goberno galego, acusoulle de tratar de "enganar" aos galegos en cuestións como o AVE.

A Feijóo pediulle "cambiar o negacionismo" sobre o que avanza en Galicia e recoñecer o labor dos socialistas despois de que, censurou, Ana Pastor, como ministra responsable de infraestruturas na etapa de Mariano Rajoy na Moncloa, "metese nun caixón os investimentos" para a alta velocidade galega.

O presidente replicou que o "único" que fixo o Goberno socialista é limitarse a executar contratos que xa estaban licitados e adxudicados previamente para o AVE a Galicia, e engadiu que os únicos que "mentiron aos galegos" ao dicir que o AVE chegaría "en 2020" durante a última campaña electoral foron o propio Caballero e Javier Losada como delegado do Goberno. "Un xa está cesado e vostede non sei como está", esgrimiu.

"Sinto que a hemeroteca o desminta", respondeu o socialista, quen negou dicir "nunca" que o AVE fose a chegar a Galicia en 2021, e insistiu en que a prensa reflicte que Feijóo si que "mentiu" ao dicir que os galegos non terían alta velocidade coa Meseta este ano.

"ACONTECEMENTO PLANETARIO"

"Vir presumir aquí nove días antes de que finalice 2021 de que o AVE chegou a Ourense é, como diría Leire Pajín, un acontecemento planetario", parafraseou, ironicamente, Feijóo, a soada frase da exministra, antes de insistir en que hai "AVE a Ourense", pero falta a conexión co resto de urbes.

"Hai vías, catenaria e material rodante, pero non trens; pregunteille á ministra cando teremos trens e a súa resposta foi que non o sabemos", remarcou, en referencia á espera polos trens Avril que permitirán axilizar a conexión con outras urbes galegas, aínda que a normativa europea recoñece os Alvia como trens de alta velocidade.

"O QUE HAI QUE SABER É SE As OBRAS ESTÁN PAGAS"

En todo caso, Feijóo concluíu que Caballero debería ser "máis prudente" á hora de "sacar peito" coa actuación do PSOE, cuxo último Goberno, con Pedro Sánchez á fronte, "limitouse a executar obras xa licitadas e adxudicadas".

Inauguración da liña de AVE Madrid-Galicia, na Estación da Gudiña-Porta, a 20 de decembro de 2021, na Gudiña, Ourense, Galicia, (España). Tras máis de 16 anos de planificación e numerosas datas e adiamentos para a súa culminación, o AVE inaug. Rosa Veiga - Europa Press
Inauguración da liña de AVE Madrid-Galicia, na Estación da Gudiña-Porta, a 20 de decembro de 2021, na Gudiña, Ourense, Galicia, (España). Tras máis de 16 anos de planificación e numerosas datas e adiamentos para a súa culminación, o AVE inaug. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta