As sete reservas da biosfera de Galicia, protagonistas dunha exposición no porto de Ferrol

A exposición actívase con motivo do 50 aniversario do programa o Home e a Biosfera da Unesco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2021 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

A zona do peirao de Curuxeiras, na cidade de Ferrol acolle desde este xoves, 23 de decembro, e ata o vindeiro domingo, día 26, unha exposición itinerante organizada pola Xunta sobre as sete reservas de biosfera da comunidade, na que se lles mostra aos cidadáns como son estes espazos, que destacan polos seus valores naturais e por ser un exemplo de convivencia entre homes e contorna.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, estivo a visitar os nove paneis que compoñen a exposición acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, entidade que cedeu parte do seu espazo para acoller temporalmente a instalación, coa presenza tamén do deputado autonómico José Manuel Rey Varela.

Dita exposición está impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida), para conmemorar o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco.

VALORES

Así, as imaxes e toda a información recollida na exposición tratan de pór o foco nos valores ambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as sete reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sustentable para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos. Despois de Ferrol, a seguinte parada da mostra será A Coruña, onde permanecerá do 28 de decembro a 2 de xaneiro, para pechar o seu percorrido en Pontevedra, en xaneiro de 2022.

En total, as sete reservas de biosfera de Galicia suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres, o que significa que máis dun terzo da Comunidade conta con este recoñecemento internacional. De feito, só Andalucía supera a Galicia neste sentido.

Reserva da biosfera. XUNTA
Reserva da biosfera. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta