Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2021 | Actualizada ás 15:08
Os propietarios de pubs e discotecas de Galicia fan contas para decidir se lles compensa abrir en noitevella coa nova limitación horaria imposta pola Xunta ata as 03,00 horas ou se, por contra, baixan o enreixado desde este xoves ata o vindeiro domingo para poder acollerse ao plan de indemnizacións pactado coa Administración autonómica.
Fontes do sector consultadas por Europa Press apuntan que limitar o horario de funcionamento en fin de ano ata as 03,00 horas constitúe un "peche encuberto" e, aínda que se mostran comprensivos coa necesidade de adoptar medidas para facer fronte á escalada de contaxios, lamentan que, unha vez máis, sexa a hostalaría e o lecer nocturno quen "pague os pratos rotos".
Así as cousas, os propietarios de pubs e discotecas estudan este mércores coa calculadora na man que opción axústase máis ás súas necesidades das dúas que a Xunta pon encima da mesa: abrir ata as 03,00 horas ou pechar desde este xoves día 30 ata o domingo 2 de xaneiro e así poder cobrar unhas indemnizacións vinculadas ao tamaño do establecemento que a Xunta se comprometeu a abonar no mes de febreiro.
A un día da data na que deberían baixar o enreixado para cobrar estas axudas e a dúas de Noitevella, algúns negocios moveron ficha para "adiantar" o fin de ano e poder así ofrecer aos seus clientes unha festa ata as 05,00 horas da madrugada.
É o caso da Sala Pelícano, na Coruña, que abrirá as súas portas este mércores 29 de decembro ás 23,00 horas para celebrar un fin de ano "anticipado". O seu propietario e presidente da asociación Galicia Noche, Luís Diz, foi un dos interlocutores cos que a Xunta negociou o pasado martes o dispositivo de funcionamento para pubs e discotecas nos próximos días.
En declaracións a Europa Press este mércores, Diz explica que aquelas persoas que dispoñan dunha entrada para a festa organizada en fin de ano na Pelícano poderán pedir a devolución da entrada vía e-mail ou empregala para a xornada deste 29 de decembro ou a noite de Reis.
E é que o seu será un dos establecementos que se acollerá ao plan de compensacións asociado ao peche pactado coa Xunta, que establece un rango de contías en función do tamaño do local: desde 2.500 euros para os de menos de 100 metros cadrados aos 45.000 euros que cobrarán os que superen os 2.000 m2 de superficie.
"Isto vai de facer números, cada negocio é un mundo", sinala Luís Diz, que, en todo caso, asegura que "a maior parte" dos establecementos optarán por non abrir e poder cobrar as indeminizacións ao tratarse dun "peche encuberto". "A un pub grande ou unha discoteca non lle vai a saír a conta. Un pequeno pode ser que si abra", remarca o tamén presidente dos hostaleiros lugueses, que valora o feito de que os negocios teñan "dúas posibilidades" á súa disposición.
RECEOS CO PLAN DE AXUDAS
Pola súa banda, o vicepresidente de Hostalaría Federada de Galicia (Hosfega), Sergio Fernández, manifestou que o sector recibiu o anuncio cunha "incerteza" que non se despexará ata que se coñezan os detalles de como se articulará definitivamente o peche.
"Aínda non sabemos se non se pode abrir de ningún xeito durante eses días, cales son exactamente os metros cadrados e as axudas a disposición, etc.", apunta en declaracións a Europa Press o hostaleiro compostelán, que lamenta a "improvisación" das medidas que, como lembra, foron anunciadas a dous días do 31 de decembro e aínda non se coñecen en detalle.
"A xente non ten confianza no plan que anuncia a Xunta", engade o directivo de Hostalaría Compostela Lois Lopes quen, tamén en declaracións a Europa Press, denuncia que "parece que hai un interese desmedido" en que "se devolvan" as axudas dos plans de rescate, xa que existen propietarios de negocio que están a recibir requirimentos por supostamente incumprir as bases da convocatoria.
Por tanto, augura que "moi pouca xente vai optar" polo peche durante este catro días. "Non tes garantía de que vaias cobrar", indica Lopes, que lamenta que, unha vez máis, "se demonice" ao sector da hostalaría e o lecer nocturno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.