Guía para entender as novas restricións no Nadal

A Xunta recomenda prohibir acceder a parques e praias de 3 a 6 horas para limitar os botellóns. Confirma os límites de horario e actividade para os locais de lecer nocturno ata o 18 de xaneiro, pasada a celebración de Reis.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/12/2021 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

O Goberno galego ratificou no Diario Oficial de Galicia (DOG), nunha edición 'bis' publicada na pasada xornada, as novas restricións para o lecer nocturno e outras directrices encamiñadas a limitar as interaccións sociais nun contexto marcado polas celebracións do Nadal e a explosión de casos vinculados de covid-19, ligada ao avance da variante Ómicron.

O incremento da incidencia e o avance da variante Ómicron, aínda coa hospitalización baixo control, na liña dos argumentos avanzados polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, dan pé ás novas restricións que fixe a Xunta, á espera das autorizacións que dependen do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), co foco na limitación de reunións de non convivientes entre as 3 e as 6 da madrugada ata o 18 de xaneiro.

Para controlar a "situación epidémica tan explosiva" que vive Galicia, ratifícase a recuperación da obrigatoriedade da máscara en exteriores e tamén se remarca que debe ser utilizada en en espazos comúns do ámbito laboral sempre que coincidan varios traballadores.

Non será esixible o seu uso, con todo, naqueles lugares ou espazos pechados de uso público que formen parte do lugar de residencia dos colectivos que alí se reúnan, como son as institucións para a atención de persoas maiores ou con diversidade funcional, as dependencias destinadas a residencia colectiva de traballadores esenciais ou outros colectivos que reúnan características similares.

Iso si, a condición de que ditos colectivos e os traballadores que alí exerzan as súas funcións teñan coberturas de vacinación contra o SARS-CoV-2 superiores ao 80 % con pauta completa e da dose de reforzo, acreditado pola autoridade sanitaria competente. Visitantes e traballadores si deben utilizar máscara.

Luces do Nadal en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Luces do Nadal en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

No apartado de excepcións, tamén se libera do uso da máscara en exteriores durante a práctica de deporte individual, e tamén durante a realización de actividades que non sexan de carácter deportivo, pero que se realizan en espazos naturais, sempre que en ambos os casos se manteñan a distancia mínima de 1,5 metros con outras persoas que non sexan convivientes.

PÚBLICO SENTADO

A directriz da Xunta fixa que o público deberá permanecer sentado nas actividades desenvolvidas en cinemas, teatros, auditorios e espazos similares, así como en establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas. A mesma regra será de aplicación aos espectáculos musicais e artísticos desenvolvidos ao aire libre.

Tamén se ratifica a redución a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas do número máximo de persoas que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalaría, restauración e lecer nocturno.

NOVOS HORARIOS ATA O 18 DE XANEIRO

Ao tempo, modifícase a Orde de 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de reducir o horario límite de peche ao público nos establecementos de hostalaría e restauración, que será ás 00.00 horas, excepto a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que será ás 1.00 horas e aclárase que o día 1 de xaneiro de 2022 non se poderán prestar servizos a clientes entre a 1.00 e as 9.00 da mañá. Prohíbese ademais o consumo en barra.

E na mesma liña, modifícase a Orde de 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia ao obxecto de reducir o horario límite de peche ao público dos establecementos de lecer nocturno, que pasa a ser ás 3.00 horas.

RECOMENDACIÓN AOS CONCELLOS PARA EVITAR 'BOTELLÓNS'

Así, por unha banda, para garantir o uso seguro de lugares e espazos públicos, recoméndase aos concellos que prohiban o acceso aos parques e xardíns públicos e aos lugares similares, así como ás praias, a partir das 3.00 horas ata as 6.00 horas. Recoméndase, así mesmo, a adopción desta medida nas prazas públicas que sexan punto de concentración habitual para a realización das indicadas actividades. O foco da Xunta está en evitar 'botellóns', unha práctica que xa estaba prohibida previamente.

CABALGATAS MELLOR ESTÁTICAS E CARREIRAS POPULARES SEN PÚBLICO

Tamén se recomenda que os eventos e celebracións en lugares e espazos públicos, como as cabalgatas de Reis, sexan de forma estática en lugares onde se poida controlar o acceso. Establécese, ademais, que as carreiras populares desenvolvidas no mesmo período en espazos públicos deberán realizarse sen asistencia de público.

PECHES E ACTIVIDADE LIMITADA AO LECER NOCTURNO

A presente orde contempla, así mesmo, un réxime optativo de peche dos establecementos de lecer nocturno, desde as 0.00 horas deste 31 de decembro de 2021 ata as 3.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022.

Finalmente, recóllese a limitación temporal de festas, celebracións ou eventos específicos nos establecementos de lecer nocturno no período comprendido entre as 0.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 0.00 do día 18 de xaneiro de 2022; así como a prohibición de promocionar este tipo de eventos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta