Sete anos de inhabilitación para o exalcalde de Coristanco por autorizar residuos de construción nunha leira

Antonio Pensado foi conedenado por cometer un delito de prevaricación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/01/2022 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou ao que foi alcalde de Coristanco entre 1991 e 2015, Antonio Pensado (Agrupación Local de Veciños de Coristanco), a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por cometer un delito de prevaricación ao autorizar, en 2012, a unha empresa a almacenar residuos de demolición e construción nunha leira.

Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco
Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco | Fonte: Arquivo.

O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, destaca que a resolución do entón rexedor municipal foi "arbitraria e contraria á legalidade" e impuxo a mesma pena, como cooperadores necesarios do delito de prevaricación, aos tres irmáns administradores da compañía beneficiaria.

Os xuíces aseguran que o exalcalde actuou "concertadamente" cos tres empresarios "para tratar de deixar sen efecto" as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizado, segundo informou o TSXG.

Os maxistrados consideran que era "evidente" que a autorización "se apartaba de calquera legalidade vixente" e que esa circunstancia era "coñecida por todos os acusados, posto que no ano 2007 xa houbo denuncias por provisión de material na mesma leira e un expediente sancionador da Xunta".

Tamén explican que, segundo declararon os axentes da Garda Civil e do Seprona que se desprazaron ao terreo, nel había "múltiple material que estaba amontoado". Tras a inspección, un do tres empresarios, segundo consta na resolución, foi ao Concello para conseguir "un papel para acreditar que tiñan autorización".

Por iso, o exalcalde emitiu un escrito, coa súa firma e co selo do Concello, o cal carecía "de calquera requisito que permita entendelo axustado á legalidade", segundo os xuíces, quen subliñan que a competencia para autorizar esa provisión de materiais é da Consellería de Medio Ambiente.

Ademais, o tribunal sinala que "tampouco existe ou consta expediente algún relativo a dita autorización" e recalca que os acusados "coñecían a inxustiza da resolución, que precisamente trataba de liquidar esa situación na leira, pero que xa se viña producindo de tempo atrás, e xustificar ante a inspección realizada o contar coa correspondente autorización".

ABSOLTO DOUTROS DELITOS

Na sentenza, a Audiencia tamén absolveu o exalcalde dos demais delitos de prevaricación que lle imputaba o Ministerio Público, así como do de falsidade, e, aos empresarios, dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias.

Así, entende que non quedou acreditado que o entón rexedor municipal tratase de favorecer aos tres irmáns empresarios, aos que supostamente lle unía unha amizade, á hora de adxudicar obras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta