Denuncian un caso de "represión" por parte do Sergas contra unha sindicalista de Santiago

A Xunta de Persoal do CHUS cualifica de "ataque patronal" o expediente aberto á doutora Nerellas, que podería perder a súa praza no complexo por sacar un paciente ao corredor do hospital.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Santiago de Compostela vén de denunciar un caso de "ataque patronal" contra a sanitaria e sindicalista Fátima Nercellas, médico de Urxencias Hospitalarias que o pasado mes de decembro foi expedientada polo Servizo Galego de Saúde. A razón do expediente, apuntaron do Sergas, viña dada porque a doutora decidiu sacar ao corredor do hospital a un paciente grave co obxectivo de levalo a un espazo máis adecuado para o seu tratamento. 

A doutora Nercellas
A doutora Nercellas | Fonte: Change.org

Dende a Xunta de Persoal aseguran que a apertura disciplinaria contra a sanitaria en cuestión ten por fundamento "silenciar as súas reiteradas denuncias e declaracións [...] en defensa da sanidade pública", e non tanto castigar o feito concreto de ter mobilizado tal paciente. Neste aspecto, aseguran que se trata dun intento "espúreo" de "calar a súa voz cunha busca clara de faltas".

En concreto, e de acordo coas mesmas fontes, a razón alegada tras a apertura do expediente foi a non adhesión aos protocolos instaurados pola xerencia, xa que as normas do Sergas impiden que os pacientes teñan que agardar nos corredores. Porén, non foi a primeira vez que se apreciaron enfermos á espera nestes espazos ante unha saturación da carga asistencial e unha falta de medios que, precisamente, veñen denunciando dende a Xunta de Persoal e as distintas corporacións sindicais que a integran. 

Semanas atrás, Asociación de Pacientes de Compostela abriu unha petición en Change.org

para apoiar á doutora ante o expediente que, dende entón, vai xa camiño das 4.500 sinaturas. O expediente enfrontado pola doutora Nercellas é de cariz grave, polo que lle podería provocar mesmo a suspensións temporal do seu posto de traballo ou a perda da praza no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Dende a Xunta de Persoal denuncian o caso como un xesto de represión sindical e esixen o arquivo inmediato do expediente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta