Por gcdeportes | Lugo | 19/04/2014 | Actualizada ás 10:21
Ficha técnica:
Azkar Lugo 0: Yago Balsa, Diego Núñez, Cuco, Jandri e Iago Rodríguez --cinco inicial-- Antonio Diz, Álex Diz, Aranburu, Mendiola, Rubén Mouriz e Miguel.
Jaén 1: Prieto, Jorge Bellvert, Jose López, Lolo Jarque e Sergio García --cinco inicial-- Juan Puertas, Miguelín, Ureña, Yoni, Buendía e Montes.
Goles: 0-1: Lolo Jarque (minuto 2).
Árbitros: Sanzol Goñi e Urdanoz Apezteguia (navarros). Amarelas a Iago Rodríguez (Azkar) e a Miguelín, Yoni e José López (Jaén).
Incidencias: 29ª xornada da LNFS no Pazo Municipal dos Deportes de Lugo ante 500 espectadores.
O Azkar despediu con derrota a tempada na casa e quen sabe cantas cousas máis. Diego Ríos, que recibiu a homenaxe da súa afección, non seguirá no banco do Prone e os problemas económicos deste curso fan mirar con preocupación o inmediato futuro. Non puido o Azkar marcar na súa despedida do Pazo. Os lucenses encaixaron o 0-1 no minuto 2 e, a pesares das múltiples ocasións, faltoulle tino no remate e non foron quen de igualar o tanto inicial. O Jaén Paraíso Interior adicouse a defender, cun Prieto espectacular.
Yago Balsa debutou na meta do Azkar os primeiros cinco minutos e foi quen encaixou o 0-1 tras unha boa xogada visitante que rematou Lolo Jarque. Os azuis asumiron o control do partido, co Jaén agardando para á contra. Os lucenses chegaban arreo á meta rival, pero atopáronse cun Prieto inmenso. A mellor ocasión foi no minuto 14, con ata tres disparos, pero nada. 0-1 no lecer.
Non mudou o panorama na segunda metade. Prieto era o heroe dos visitantes, que apenas pisaban área lucense. Os de Diego Ríos presionaban en toda a cancha buscado recuperar axiña. Antonio Diz ou Cuco estragaron boas ocasións. No minuto 30, os andaluces tiveron o 0-2 cando Ureña estrelou un balón no pau.
O Azkar recuperou as ocasións e o técnico visitante tentou parar o asedio cun tempo morto, pero o guión non trocou. A catro minutos do final, Diego Ríos arriscou con Cuco de porteiro-xogador. A mellor ocasión, a minuto e medio do remate: Prieto non atallou un disparo de lonxe pero a Antonio Diz, o rexeite na liña de gol foiselle alto. O Azkar tentouno todo pero non puido despedirse con vitoria. Con estes tres puntos, o Jaén suma 24 puntos e supera o Azkar (22) na táboa. Os lucenses despedirán a tempada na pista do líder, o Inter Movistar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.