Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 21:00
Dous anos despois de que a pandemia comezara a circular polo mundo, seguen a xurdir as preguntas evidentes sobre a covid-19: cando rematará ou, cando menos, cando se nos permitirá regresar á vida normal. Agora, unha plataforma de doutores da sanidade privada (TopDoctors) vén de asegurar que deberemos seguir levando máscara, polo menos, durante todo o 2022.
Esa é un so unhas das cuestións que apuntan nun estudo que certifica tamén os distintos impactos da pandemia sobre a saúde das persoas máis alá do que se considera estreitamente vencellado á covid: patoloxías respiratorias, etc. Así é que dende TopDoctors apuntan, por exemplo, a un aumento das consultas psicolóxias e psiquiátricas polo impacto do virus, entre outros.
A problemática da saúde mental, que agora comeza a facerse pública pero até non hai moito era tema de discusión privada, viuse agravada co contexto pandémico. Cando menos se atende un ás cifras da fonte citada, que destaca que estas consultas por ansiedade, depresión e demais patoloxías se duplicaron dende o inicio da pandemia e que entre agardan para este 2022 un novo crecemento de entre o 20 e o 30%.
Este incremento foi aínda máis patente entre os mozos, quen sobre todo acudiron ás consultas por intentos de autolesións. “O obxectivo de 2022 é visibilizar os trastornos de saúde mental, normalizalos e dotalos do financiamento necesario na sanidade, para posibilitar a atención a esta pandemia invisible que vai en aumento” explica a Sra. María Lluïsa Ceinos, psicóloga clínica especialista da plataforma.
Por outro lado, os doutores destacan como consecuencias da nova normalidade o incremento do uso das máscaras como principal medida preventiva contra a COVID-19. O uso continuado destas, aseguran, pode influír en reaccións locais dérmicas, e afectar a pacientes con problemas respiratorios e con tendencia a reter carbónico.
EXERCICIO FÍSICO E DANO NOS OLLOS
Tamén incidiu nas consecuencias sanitarias da pandemia que tras os confinamentos iniciais de marzo abril e maio de 2021, a poboación retomou a actividade física pero "non sempre de forma ben controlada, nin axustada á necesidade individual e sen establecer unha rutina a través de fontes profesionais". Se o confinamento, o teletraballo e a consecuente inactividade fixeron que as consultas por lumbalxia, cervicalxias, e tendinites alcanzasen ata un 85% das consultas en 2020, o ano pasado as máis reclamadas foron as consultas por lesións musculares e nos tendóns, é dicir, as resultantes deste exercicio físico mal planificado.
Por último, tamén son destacables os efectos oftalmolóxicos do aumento da exposición diaria a pantallas e dispositivos, que provocan que a poboación teña unha menor actividade ocular. De feito, segundo datos do primeiro Barómetro de Benestar Ocular, presentado por Miranza, o 40% dos enquisados di superar as 8 h de exposición diaria a pantallas, sendo este un factor externo de malestar que destaca o 87% dos oftalmólogos consultados. A sobreexposición provoca que a frecuencia de parpadeo diminúa ata un 30% e a bágoa non se distribúa adecuadamente sobre a superficie ocular, o que favorece ao incremento do ollo seco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.