Pontevedra leva a campaña "Love Rías Baixas" á Feira Internacional do Turismo

Carmela Silva destaca que será unha promoción "rompedora, vangardista, dinámica, emocionante e diferente" e convida á Xunta a acudir se quere.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra presentará na caseta de Turespaña en Fitur a súa campaña "Love Rías Baixas", nun acto ao que asistirá a ministra de Turismo, Reyes Maroto; o secretario de estado, Fernando Valdés e o director da Feira, entre outras personalidades.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves 'Love Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra', un lema "apaixonante e emocional" para unha campaña que recorre á icona do corazón "i love" e coa que a administración provincial desembarcará o vindeiro xoves a partir das 4 da tarde na Feira Internacional de Turismo, Fitur.

Un acto de presentación ao que "estaremos encantados" de que asistan representantes da Xunta de Galicia, dixo a presidenta, que se negou --dixo-- a entrar "no xogo das cadeiriñas ou na promoción de comisariados políticos". "Hoxe teño un día zen de amor", chanceou, despois de que a deputación, xunto coa de Lugo e o Concello de Vigo rexeitasen participar na caseta autonómica.

"Imos a por todas", dixo a presidenta provincial tras eloxiar o novo audiovisual elaborado a partir do relato de persoas estranxeiras que chegaron ás Rías Baixas e que, tras namorarse delas, decidiron quedar a vivir.

Tamén fixo fincapé en que esta promoción turística será "rompedora, vangardista, dinámica, emocionante e diferente como a nosa presentación" que se retransmitirá en streaming pola propia organización de Turespaña que tamén difundirá a campaña da Deputación pontevedresa nas súas máis de 30 oficinas repartidas por todo o planeta, o que asegurará o seu impacto internacional.

A presidenta avanzou que a campaña mostra un territorio no que a paisaxe, o patrimonio, a cultura, a enogastronomía "e o noso modo de vida, namoran". Ademais é "un destino hospitalario e cariñoso, un novo destino vital, un destino planetario" tal e como resumiu, trátase de "un paraíso sen peros" que, ademais, "reforza o sentimento de pertenza e orgullo da cidadanía desta provincia que namora".

A presentación será conducida pola actriz Xasmín Abuín e nela participarán protagonistas do audiovisual elaborado por Esmerarte para esta campaña.

Carmela Silva na presentación da promoción turística de Fitur da Deputación de Pontevedra. RAFA ESTEVEZ/DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press
Carmela Silva na presentación da promoción turística de Fitur da Deputación de Pontevedra. RAFA ESTEVEZ/DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta