A xustiza paraliza unha macrogranxa autorizada pola Xunta a un concelleiro do PP

Tras as sucesivas ampliacións da granxa, pasouse de criar 22.932 polos a 47.970.

Por Galicia Confidencial | Rairiz de Veiga | 17/01/2022 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite a demanda duns veciños de Rairiz de Veiga contra o procedemento seguido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e anula a avaliación do impacto da ampliación dunha granxa de polos no lugar de Santa Mariña de Congostro. A granxa  é propiedade de Camilo Fernández Freire, concelleiro do PP no goberno local de Rairiz de Veiga, a través da empresa Cavirsa Freire.

Nave B da granxa de polos en Rairiz de Veiga, empresa que foi demandada polos veciños e o TSXG admitiuna
Nave B da granxa de polos en Rairiz de Veiga, empresa que foi demandada polos veciños e o TSXG admitiuna | Fonte: Diario do Limia

Tal e como publica Diario do Limia, os denunciantes levaron o caso até o TSXG despois de ter presentado alegacións ao informe de impacto ambiental nas que alertaban de que a súa vivenda está a escasos cincuenta metros da nave prevista na ampliación. As alegacións non recibiron resposta por parte da Administración nin o documento de impacto ambiental facía mención á existencia da vivenda nas proximidades nin avaliación ningunha dos posíbeis impactos na saúde e na calidade de vida. 

A granxa foi ampliada entre o 2019 e o 2020 coa construción dunha segunda nave que entrou en produción despois do verán e xa leva tres camadas, segundo o matrimonio denunciante. A segunda nave é un rectángulo de 19,40 metros de ancho e 85 de largo. Coa ampliación, a granxa pasou de criar 22.932 polos a 47.970, co conseguinte aumento dos olores en prexuízo do matrimonio denunciante.

“A granxa inicial xa foi ampliada unha vez”, explica o denunciante. “Fixeron outro tanto como o que tiñan e achegáronse máis á nosa casa. Despois, empezaron co proxecto da segunda nave. Protestamos, pero nin a Xunta nin o Concello de Rairiz nos fixeron caso. Tratáronos moi mal”.

A familia non foi a única parte afectada que presentou alegacións. Tamén o fixeron o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), moi activos estes últimos anos na denuncia da contaminación das augas superficiais e acuíferos da comarca. 

Mais a ampliación seguiu adiante. Pasou o trámite administrativo. E cando a Xunta foi requirida polos xuíces do TSXG, argumentou que “los documentos aportados por el promotor cumplen los requisitos necesarios para estimar la solicitud, habiendo informado favorablemente por el Organismo de Cuenca [a Confederación Hidrográfica Miño-Sil]”, segundo se le na sentenza.

A consellería tampouco atendeu a solicitude dos demandantes para ser considerados parte interesada no procedemento. Fixeron dúas peticións, en setembro e en outubro de 2019, sen recibir resposta. O 15 de outubro a Xunta asinou a resolución favorábel do informe de impacto ambiental.

Contra esta sentenza cabe recurso diante do Tribunal Supremo. E de esperar que a Xunta recorra. Mentres, os ventiladores na granxa seguirán funcionando. Máis en DdL.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta