Os cárceres galegos estarán conectados mediante liñas de autobús a partir do próximo venres

Destaca a posta en marcha de liñas específicas, a ampliación ata os centros de servizos próximos xa en funcionamento, o incremento de frecuencias ou o axuste dos horarios ás quendas de visitas aos reclusos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2022 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

Este venres 28 de xaneiro entran en funcionamento as novas liñas de conexión por autobús cos centros penais galegos, que suman máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visitas. Segundo detalla nun comunicado a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o sistema está adaptado ás necesidades de cada cárcere e foi deseñado en colaboración cos responsables de cada centro.

Entre as novidades, a Xunta destaca a posta en marcha de liñas específicas, a ampliación ata os centros de xa servizos próximos xa en funcionamento, o incremento de frecuencias ou o axuste dos horarios ás quendas de visitas aos reclusos.

A prisión de Teixeiro, en Curtis, contará con conexinoes baixo demanda articuladas en dous eixos: por unha banda, unha liña desde Betanzos --conectada co corredor A Coruña-Ferrol e coa cidade de Lugo-- e, por outro, unha parada nos servizos entre Santiago e Vilalba e Burela. A elas engádense novas frecuencias baixo solicitude dos usuarios.

Pola súa banda, o centro penal de Bonxe, en Outeiro de Rei, estará conectado coas cidades da Coruña e Lugo con servizos baixo demanda. Un desvío nas liñas actuais permitirá ata 50 frecuencias semanais coa cidade herculina e outras 66 con Lugo.

Para o cárcere de Monterroso, que xa contaba con parada nos servizos de autobús que unen este municipio coa capital provincial e que está conectada con Lalín, A Coruña e Ourense, increméntanse ata 25 as frecuencias semanais con Lugo, todas sen necesidade de reserva previa.

O da Lama, disporá de novos servizos nun sistema que adapta os actuais para axustalos aos horarios de visita do centro. O cárcere contará con doce frecuencias á semana para as viaxes desde Pontevedra e 14 desde Vigo.

Por último, a Xunta modifica o itinerario da conexión do centro penal de Pereiro de Aguiar coa capital da provincia. En total, a prisión terá 28 frecuencias semanais con Ourense, cidade á que se desprazan os internos de terceiro grao que poden abandonar o centro por motivos laborais e de formación.

OBRAS EN LOUSAME

Por outra banda, este mércores a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, un convenio para desenvolver obras de mellora no firme da estrada que une Sanguiñal e Tállara.

A actuación suporá un investimento de 100.000 euros por parte da Administración autonómica, que prevé executar os traballos no verán.

Prisión da Lama, en Pontevedra.. EUROPA PRESS - Arquivo
Prisión da Lama, en Pontevedra.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta