O BNG critica a falta de pediatras na comarca do Salnés e a Xunta aduce unha "reorganización" por covid

Jorge Aboal pediu "non mesturar a falta de orzamento coa falta de facultativos, que se dá en toda España".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O BNG criticou este xoves a falta de pediatras na comarca do Salnés, así como o peche dos consultorios de Vilaxoan e Paradela, mentres que a Xunta aduce unha reorganización de servizos pola pandemia e defende a asistencia correcta aos máis pequenos. O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, a petición do grupo nacionalista.

A deputada nacionalista Montserrat Prado reivindicou a necesidade de repor a atención pediátrica nos centros de saúde de Meis, Meaño, Ribadumia e A Illa de Arousa, alegando que máis de 2.500 nenos víronse obrigados a desprazarse quilómetros para ser atendidos.

Ademais, sinalou que 1.379 nenos de entre Ribadumia e A Illa, desprázanse a Cambados, onde só poden ser atendidos unha vez á semana. Isto, insisten, provoca atrasos de meses nas vacinacións e as citas, que non haxa seguimento ao tratarse de pediatras distintos e redunda, ademais, nas listas de espera do centro.

Respecto da clausura dos consultorios de Paradela e Vilaxoan, a nacionalista destacou que máis de 2.000 persoas, a gran maioría de avanzada idade, ven obrigadas a desprazarse.

"NON MESTURAR FALTA DE ORZAMENTO CON FALTA DE FACULTATIVOS"

Aboal, pola súa banda, esgrimiu que a comarca do Salnés conta con 12 pediatras para 13.067 nenos, o que supón 1.000 nenos por pediatra, dentro do estándar definido pola asociación de pediatría. A isto súmanse catro vacantes, que o servizo, incidiu, "traballa por cubrir". "Mentres tanto, reorganízase a actividade para garantir a atención", explicou.

"Non debemos mesturar a falta de orzamento coa falta de facultativos, que se dá en toda España", asegurou tras afirmar que "non existe ningunha política de recorte nos servizos públicos galegos", cun orzamento de máis de 4.400 millóns de euros e un incremento do 31% no últimos sete anos. "Os nenos e nenas deses concellos reciben exactamente a mesma atención que outros. Os centros están a 14 e oito minutos de onde se lles atendía habitualmente", indicou.

Tamén defendeu a "boa atención" dos pacientes que acudían a Paradela e Vilaxoan, agora en centros "a sete e catro minutos, respectivamente". Ademais, puxo en valor a atención telefónica como "forma eficiente" de resolver certas situacións e que "mesmo redunda na comodidade dos pacientes".

Con todo, Prado insistiu en que "a pandemia non vale para tapar a falta de compromiso e de planificación da Xunta. Sabían cantos facultativos íanse a xubilar e non fixeron nada para garantir esa substitución xeracional".

Aboal incidiu en que os datos manexados polo BNG non son os da Xunta, posto que os pacientes non chegan aos 1.000 e, ademais, nas consultas pediátricas hai ocos "en oito e nove días", "antes de marzo" --data indicada polo BNG--.

A deputada autonómica Montserrat Prado
A deputada autonómica Montserrat Prado | Fonte: BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta