O presidente de Renfe comprométese a que os trens Avril estean en funcionamento este verán en Galicia

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/01/2022 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O presidente de Renfe, Isaías Táboas, comprometeuse a que os trens Avril estean en funcionamento este verán, tras unha reunión co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso que, á súa vez, destacou as "oportunidades" que traerá a extensión da alta velocidade ferroviaria ás vilas e cidades galegas.

O Presidente de Renfe, Isaías Táboas, con Valentín González Formoso
O Presidente de Renfe, Isaías Táboas, con Valentín González Formoso | Fonte: Europa Press.

Tras a reunión mantida esta tarde no despacho da institución provincial, González Formoso trasladou o compromiso do ente estatal de que os sete trens Avril xa estarán en funcionamento este verán, reducindo o tempo de conexión con Madrid das principais cidades galegas.

Son trens de alta velocidade de Talgo que poden circular a 300 quilómetros por hora e teñen capacidade para transportar a 600 viaxeiros. A súa posta en funcionamento reducirá os tempos de conexión do AVE entre a capital de España e as principais cidades galegas.

Con motivo do encontro, o presidente da institución provincial trasladoulle a Táboas as necesidades e demandas de diferentes plataformas que están a esixir, coa chegada do AVE, que se fagan axustes dalgunhas conexións no sistema ferroviario galego de media distancia.

Respecto diso, chamou a "buscar un equilibrio" entre a chegada da alta velocidade e as realidades que persisten a día de hoxe para que "conexións como poden ser A Coruña-Ferrol teñan unha vida distinta" e sexan "adecuadas ás necesidades do século XXI".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta