Esgótase en dous días o crédito para particulares do Plan autonómico Renove Automoción

Terminada a partida para particulares, para a que xa existe lista de espera, quedan dispoñibles 250.000 euros para autónomos e empresas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2022 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

Éxito rotundo do programa Renove Automoción da Xunta de Galicia, que en tan só dous días esgotou o crédito dispoñible reservado para particulares (2,1 millóns de euros), con 893 solicitudes. Consultado por Europa Press, o Executivo autonómico destacou que o obxectivo exposto para esta terceira edición do plan, favorecer a renovación do parque móbil galego, está a cumprirse. De feito, para particulares, activouse a lista de espera.

A acollida viuse reflectida nos propios concesionarios, onde chegaron a formarse colas, especialmente durante os primeiros días da convocatoria.

Cando o Goberno autonómico anunciou o Plan Renove, insistiu en que o principal obxectivo era "promover a substitución de vehículos de certa antigüidade", dado que segundo as súas estimacións, o parque móbil galego ten unha media de 14 anos.

É o caso de María e Ángel, un matrimonio da Coruña que, vistas as axudas ofertadas, decidiu "aproveitar" para cambiar o seu Ford Festa do 2005 --17 anos--. "O coche xa tiña moitos anos e, aínda que ía ben, empezaba a dar algúns problemas, un tras outro. Xa non quedaba moito, así que mellor cambialo coas axudas", recoñece Anxo para Europa Press.

A convocatoria incluía a adquisición de vehículos novos --turismos e furgonetas-- cun custo inferior ou igual a 40.000 euros, pero precisaba que era "requisito imprescindible" que o titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.

NIN DIÉSEL NIN HÍBRIDOS

"Sempre tivemos coches diésel, de feito o outro que temos o é, pero con todo o que está a saír de que van gravalo máis, de que irán limitando a entrada deste tipo de coches a grandes cidades e demais, dábanos reparo comprar un vehículo que, nuns anos, non podamos usar ou non nos compense", explica María.

Sexa este o motivo ou outros, os datos demostran que os vehículos de gasóleo son os terceiros máis solicitados (160),  a bastante distancia dos de gasolina e híbridos de gasolina. En cuarto lugar aparecen os de gases licuados de petróleo (GLP), 88; e híbridos de gasóleo, 8.

Xa en último lugar atópanse os híbridos enchufables, con tan só tres solicitudes. A Xunta remarcou que para este tipo de vehículos o Goberno central activou unha estratexia específica, o plan Moves, de incentivos á mobilidade eléctrica e que apoia ademais a adquisición de vehículos eléctricos e de infraestruturas de recarga. Con todo, os consumidores non se atopan o sufientemente cómodos aínda con este tipo de vehículos, como demostran os datos.

Sobre isto, María recoñece que tampouco lles convencía a idea de facerse cun híbrido, "non tanto polo coche en si", senón pola "falta" de infraestruturas. "Agora mesmo, polo menos na nosa zona, non hai suficientes puntos de carga, e tampouco son cómodos: hai tres ou catro en centros comerciais ou supermercados, e pouco máis", lamenta.

AXUDAS DISPOÑIBLES PARA AUTÓNOMOS E EMPRESAS

Con todo, de todo o crédito dispoñible (2,5 millóns de euros), actualmente só quedan dispoñibles 250.000 euros para autónomos e empresas.

Así, das 948 solicitudes, 55 foron de empresas, cunha axuda de 146.000 euros e unha mobilización prevista de 1.148.085,55 euros. Todas as restantes son de particulares (893), cunha subvención outorgada de 2.417.000 euros e unha previsión de 18.100.013,59 euros a mobilizar.

Concesionario de coches
Concesionario de coches | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta