A Xunta lanzará axudas aos 86 concellos localizados nunha reserva de biosfera

A subvención pode representar o 100% do custo dos proxectos impulsados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2022 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A Xunta publicará proximamente unha liña de axudas, cun orzamento de 2,7 millóns de euros, dirixida aos 86 concellos que se atopan nunha das sete reservas da biosfera declaradas en Galicia.

Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que participou esta semana nun webinario dirixido aos representantes municipais das 86 entidades locais, aos que convidou ademais a solicitar as subvencións para levar a cabo actuacións que "reforcen os valores polos que estes ámbitos foron declarados reservas da biosfera". Sobre o orzamento, a conselleira destacou que supón "máis do 40% do orzamento total de fondos europeos reservado este ano á mellora destes espazos, que ascende a 6,4 millóns de euros".

As 86 administracións locais repártense entre as reservas de biosfera Terras do Miño (26); Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel (23 concellos); Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo (17); Río Eo, Oscos e Terras de Burón (7); Transfronteiriza Xurés-Gerês (6); Área de Allariz (4); e Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá (3).

O obxectivo da Xunta, sinalan no comunicado, é que a convocatoria de axudas se poida publicar a inicios do próximo mes de febreiro. Na mesma orde establecerase ademais unha liña para actuacións que promovan as entidades sociais, ambientais e comunidades veciñais de mancomunidade, con algo máis de 500.000 euros.

En ambos os casos, a subvención pode representar o 100% do custo dos proxectos que impulsen, con importes máximos de ata 80.000 euros no caso dos concellos, e de 30.000 euros no caso das entidades.

Entre as actuacións subvencionables, aclarou Vázquez, están a restauración de ecosistemas naturais, como prados de sega, bosques de castiñeiros ou bosques de ribeira, así como a eliminación de especies exóticas invasoras e restauración da vexetación característica.

Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas e terras do Mandeo
Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas e terras do Mandeo | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta