Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/02/2022 | Actualizada ás 22:18
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) aprobou un novo baremo para facultativos que ten en conta a actividade, o rendemento, a calidade e a praxe correcta dos profesionais, así como a mellora e a actualización dos procesos e métodos de traballo.
Concretamente, afecta á carreira profesional da área I --actividade asistencial/profesional-- do réxime de carreira ordinaria e proximamente publicarase no DOG a nova parte aprobada do baremo --que se une ás áreas III e IV--, para que os profesionais poidan coñecela coa debida antelación, con vistas a acceder a sucesivos graos de carreira.
Na actualidade, perciben algún grao de carreira profesional 20.198 profesionais do Sergas e entidades adscritas á Consellería de Sanidade. En Atención Primaria, o 88,37 por cento ten recoñecido algún grao de carreira e na nómina de xaneiro abonouse o complemento de carreira nas contías previstas para máis de 13.000 profesionais, o que supón un incremento retributivo medio de preto do 6 por cento.
Na mesa sectorial deste martes, na que estivo a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, e os sindicatos con representación na mesa --CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UXT-- tamén se pechou a negociación dos tres anteproxectos de decreto que xa foran presentados en anteriores sesións.
Concretamente, trátase da creación da categoría estatuaria de dietista-nutricionista do Servizo Galego de Saúde, ordenación de formación sanitaria especializada na comunidade de Galicia e a creación de biblioteconomía e documentación do organismo, o cal comprende dúas categorías --bibliotecario (subgrupo A1) e técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación (A2)--. Todos eles continuarán a súa tramitación normativa.
PERSOAL ESPECIALISTA ENFERMARÍA
Así mesmo, acordouse realizar unha convocatoria de segundo concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de persoal enfermeiro especialista na especialidade de enfermaría pediátrica, en todas as áreas sanitarias.
Neste concurso ofertaranse ao redor de 30 prazas de enfermeiro especialista, o que permitirá, explica a Xunta, ao persoal especialista en prazas de enfermaría con vínculo fixo acceder a esta categoría mediante concurso de méritos, completando as 180 prazas comprometidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.