Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 12:53
Abanca obtivo un resultado de 323,3 millóns de euros en 2021, un exercicio marcado pola "mellora da rendibilidade estrutural" e tamén fortes críticas polo peche de oficinas bancarias no rural. Deste xeito, duplica o beneficio atribuído de 160 millóns de 2020 --ano no que destinou 273 millóns a provisións, que agora se situaron en case 139 millóns--.
En rolda de prensa, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, dixo que 2021 foi "francamente bo", a pesar de que "foi un ano moi retador". "Saímos reforzados da crise, con síntomas e evidencias fortes da recuperación crediticia", sentenciou. De feito, valora que lograron "bater" marcas en determinados segmentos de negocio respecto de antes da pandemia, tales como hipotecas, créditos a autónomos e pemes, así como un incremento "considerable" de clientes, especialmente fóra de Galicia.
A entidade baseou o seu resultado no aumento dos ingresos recorrentes, cun avance do 6,2% na marxe básica. En paralelo, continuou coas medidas de control de gastos, o que permitiu mellorar a marxe recorrente un 33,1% ata alcanzar os 241 millóns. Tras a incorporación de Bankoa e o negocio de Novo Banco en España, que Escotet valora como "un éxito", mellora a súa rendibilidade estrutural, cun crecemento tanto de negocio (aumenta un 57% respecto de 2018 e un 9,7% para o sector) como de rendibilidade (os ingresos aumentan un 26,3% mentres que o sector perde un 5,4%).
A nova dos disparados beneficios de Abanca chega nun momento álxido de mobilizacións contra o peche de sucursais bancarias e a redución da atención in situ, que vén de ser particularmente criticada polos xubilados e pensionistas, máis afectados ante o recorte polo seu menor dominio das tecnoloxías dixitais. Precisamente, Abanca vén de anunciar que neste exercicio de 2021 a súa banca móbil superou por primeira vez o nivel do millón de usuarios a principios do exercicio, ata situarse en máis de 1.100.000 a peche de 2021. Asimesmo, destacan que as transaccións dixitais supoñen xa o 69,6% do total.
PROTESTAS DOS XUBILADOS
Neste contexto, o presidente da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Lugo, Julio Méndez, avogou o pasado martes pola creación dunha Banca Pública para resolver os "abusos" que sofre este colectivo por parte da privada. Méndez valorou de forma "positiva" a alta participación na manifestación do luns, na que participaron centos de xubilados na cidade de Lugo, ante a oficina do BBVA, para protestar "polos abusos" da banca.
Así mesmo, cuestionou "se hai algunha causa que impida que en España se cre unha banca pública", e fixo referencia "a algo que existiu hai bastantes anos e que era a Caixa Postal de Aforros"."Nesa caixa case todo o mundo tiña unha conta, onde metían os seus aforros e facían as súas operacións. Iso funcionaba en todas as oficinas de Correos de España e iso poderíase reproducir para rebaixar o monopolio que teñen agora os bancos", reflexionou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.