O Parlamento insta á Xunta a abordar o conflito dos otorrinos do Complexo Hospitalario de Santiago

A Xunta sostén que levan abordando esta situación "desde o pasado mes de xuño".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2022 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade e sen modificacións unha iniciativa impulsada polo BNG na que insta a abordar "de forma inmediata" o conflito existente no servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), atendendo ás demandas feitas polo persoal facultativo deste servizo.

Tanto o PSdeG como os populares apoiaron a proposta, aínda que a deputada do PPdeG Marta Rodríguez-Vispo esgrimiu que a Xunta xa leva abordando esta situación "desde o pasado mes de xuño". "Estamos a falar de problemas internos dun servizo produto das complicadas relacións humanas", engadiu, e deu por feito que a situación se liquidará cando Inspección Sanitaria se pronuncie sobre a apertura dun posible expediente.

Por outra banda, aprobouse unha iniciativa dos socialistas, tamén por unanimidade e sen modificacións, na que o Parlamento urxe á Xunta a cubrir as prazas do servizo de paliativos/HADO do Hospital da Mariña ata chegar á dotación inicial "todos os días da semana". O obxectivo sería "poder retomar a atención presencial na totalidade" dos municipios do distrito sanitario da Mariña.

Tamén por unanimidade e sen modificacións saíu adiante unha iniciativa impulsada polo BNG na que o Parlamento pide que se garanta "unha atención sanitaria de calidade" no centro de saúde de Pantón, para o que é preciso "repor a totalidade do persoal facultativo o máis axiña posible".

Finalmente, o PP sacou adiante, coa abstención de BNG e PSdeG, unha proposta coa que o Parlamento insta a adoptar os trámites necesarios para a elaboración da Nova Estratexia Galega de Acción Voluntaria para os próximos anos que dea resposta aos novos retos do futuro.

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta