Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 13:09
O presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, emprazou á Xunta de Galicia a que implemente unha campaña de apoio ao sector para recuperar a "confianza" dos clientes. Na mesma liña, o tamén presidente dos hostaleiros de Lugo reivindicou que se lles permita abrir "ao cento por cento" dos que lles permiten as súas licenzas de actividade, posto que "parece que todos os datos indican que a incidencia hospitalaria e de contagios, en canto á covid, vai baixando".
Así, refírese ao "agravio" que supón que se manteñan as limitacións no sector para insistir en que "hai que tratar de conseguir a confianza dos clientes". "Hai que tratar de conseguir que a cidadanía volva ter confianza para volver interrelacionarse e para que volvan entrar nos nosos establecementos", incidiu.
Reclama ao Goberno galego unha campaña para que "se volva aos bares, aos restaurantes, aos aloxamentos e ao lecer nocturno". "Hai que volver con moito respecto e coidado, gardando os protocolos e as máscaras que neste caso creo que van quedar para interiores", indicou. Finalmente, constatou que as "pérdidas" para o sector da hostalaría nestes dous anos de pandemia "son moi importantes", xa que moitos negocios se viron obrigados "a pechar" en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.