Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/02/2022 | Actualizada ás 15:47
A CIG cualificou de "insuficiente" a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ata os 1.000 euros exposta polo Goberno central, un incremento que, segundo o sindicato nacionalista, afectaría "a pouco máis" de 30.000 persoas en Galicia.
A central reitera a súa reclamación de que o SMI suba ata os 1.167 euros, o 60% do actual soldo medio e como establece a Carta Social Europea que, lembra a CIG, foi ratificada a mediados do pasado ano polo Estado.
E é que para o sindicato nacionalista a suba que propón agora o Goberno central para este ano 2022 chegaría "ao 4,3% da poboación asalariada", á vez que incide en equivale ao 3,6% do actual SMI, por baixo do aumento do 6,5% no IPC ao peche de 2021.
"O Goberno certifica o empobrecemento das capas máis precarias e empobrecidas da clase traballadora días despois de certificar a non derrogación das reformas laborais do 2010 e 2012, castigándoas a vivir na precariedade indefinidamente", sinalou secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío.
Despois de cualificar de "incribles" os datos achegados por Traballo para suxerir o incremento, a CIG carga contra o diálogo social, que considera "un enterrador de dereitos".
Así, censura que a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "non contactase" coa CIG na súa rolda de consultas sobre a suba do SMI, algo que tachan de "sorprendente" ao vir de "unha ministra galega que logrou a súa acta de deputada por Pontevedra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.