O TSXG condena a Xunta a restaurar o Pazo de Lourizán en Pontevedra

A sala determina que está obrigada a levar a cabo os traballos como así reflicten os convenios subscritos en 1991 e 2000.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/02/2022 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta a realizar os traballos de restauración e mantemento do Pazo de Lourizán, situado no termo municipal de Pontevedra, ante os incumprimentos dos convenios subscritos coa Deputación de Pontevedra nos que a Administración autonómica asumía a responsabilidade de levar a cabo as obras de conservación necesarias no complexo.

A sentenza da sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Alto Tribunal galego, emitida o pasado 1 de febreiro e difundida este martes, determina que é a Administración galega sobre a que recae a obrigatoriedade de facer estes traballos porque "non se evidencia a imposiblidade de execución das obras".

O fallo estima o recurso presentado pola Deputación de Pontevedra ante o requirimento efecutado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a realización das obras de conservación que, segundo esta sentenza contra a que cabe recurso de casación ante a propia sala do TSXG, debe levar a cabo a propia Xunta.

Os maxistrados resaltan no seu fallo que a Xunta incumpriu os termos establecidos nos convenios subscritos en 1991 e 2000 coa Deputación de Pontevedra. A través destes acordos, a Administración autonómica asumía a titularidade da Leira de Lourizán e a obrigación de levar a cabo os traballos necesarios para a súa conservación.

Neste sentido, os xuíces inciden en que o obxecto do litixio sobre o que se pronuncian é determinar a quen corresponde facer as obras e se se levaron a cabo ou non. "Non se evidencia a imposibilidade de execución das obras", resaltan os maxistrados, que engaden a continuación que "o que de verdade importa" no caso é que os traballos non foron executados.

Así as cousas, reflicten na súa argumentación que queda fóra do litixio "a forma en que teña que levarse a cabo o seu financiamento" e tamén "a concreción do importe ao que poida ascender o custo das obras".

Pazo de Lourizán / De juantiagues -  CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=41952526
Pazo de Lourizán / De juantiagues - CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=41952526

XUNTA LEMBRA QUE INICIOU AS OBRAS

Tras coñecerse a sentenza, a Xunta informou que as obras de conservación en Lourizán están xa en marcha. A Administración galega resalta que os traballos contan cun orzamento total de 208.000 euros e está previsto que terminen no segundo trimestre do ano. A contía dedicada pola Xunta para esta actuación foi criticada pola Deputación de Pontevedra, que cualificou hai unha semana de "totalmente insuficiente" o orzamento asignado polo Goberno galego para a rehabilitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta