Formoso acusa ao PP de tentar "destruír persoalmente" a Carmela Silva para recuperar a provincia

O líder socialista pronunciouse así tras as peticións de dimisión polo enchufe dun familiar da presidenta de Deputación no Concello de Vigo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2022 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou ao PPdeG e aos seus dirixentes de "destruír persoalmente" á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, porque queren "volver atrás" e "pór paus nas rodas ao progreso" en Vigo e en toda a provincia.

Desta maneira defendeu Formoso á que tamén é presidenta do PSdeG, despois de que nas últimas semanas os populares pedisen insistentemente a súa dimisión tras a condena --confirmada polo Tribunal Supremo-- a un ex alto funcionario do Concello de Vigo por 'enchufar' á súa cuñada nunha contratación municipal.

O secretario xeral socialista, durante a súa intervención na clausura do IV Congreso Provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, do que sae de novo proclamado líder David Regades, aproveitou para lamentar que o PPdeG teña como "obxectivo político" a Silva, unha persoa que "aposta pola vangarda social".

"Aqueles que van á misa da unha e 10 minutos despois dan ordes de embarrar o campo político, dan ordes de destruír persoalmente ás persoas porque queren volver atrás en Pontevedra, queren volver atrás en Vigo e queren pór de paus nas rodas ao progreso desta provincia e de Galicia", censurou.

FEIJÓO, SEN "PERSONALIDADE POLÍTICA"

Neste contexto, tras reivindicar a nova lei de vivenda aprobada polo Goberno central, o secretario xeral do PSdeG criticou a oposición á norma que demostra o Partido Popular a través do seu líder, Pablo Casado, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Á súa vez, denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se dedique a facerlles "seguidismo" por non ter "personalidade política propia" e anuncie un recurso de inconstitucionalidade ante esta norma.

Así, Formoso ve "incomprensible" que o mandatario galego "poña por diante os intereses de Casado e de Ayuso fronte aos daqueles mozos e mozas en Galicia que teñen francas dificultades para poder manter a súa independencia económica e para poder iniciar o seu proxecto vital de vivenda".

CHAMAMENTO DE REGADES

Pola súa banda, o secretario provincial, David Regades, dixo asumir o seu segundo mandato á fronte do PSOE de Pontevedra coas ganas de "empoderar" á militancia para consolidar as maiorías e alcanzar novas alcaldías, con mención expresa á do Porriño, recentemente caída en mans do PP.

Centos de persoas asistiron a este congreso no Museo Mar de Vigo, no que tamén estiveron o alcalde, Abel Caballero, e a propia presidenta do PSdeG, Carmela Silva, así como o catro líderes provinciais socialistas en Galicia. Na súa intervención, Regades agradeceu aos 2.700 militantes socialistas da provincia que considera que están "representados" na Executiva provincial tras un congreso de "unidade".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario provincial do PSOE, David Regades, no IV Congreso Provincial do PSOE.. PSDEG-PSOE
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario provincial do PSOE, David Regades, no IV Congreso Provincial do PSOE.. PSDEG-PSOE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Está ben o conto... Carmela pode laminar a medio mundo... pero ninguén pode pedir a súa cabeza ? Agora sabemos que á Marquesa de Toralla nin se lle toca ! Adiante Prevaricación !