O camiño da liberdade

Na quincuaxésimo primeira entrega de 'Viaxes sen Lee' o explorador emocional Gabriel Rei-Doval escruta os complexos vieiros da liberdade na costa nordeste estadounidense

Por Gabriel Rei-Doval | Boston (Massachusetts, USA) | 23/02/2022 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Colorado quedara atrás, cos seus soños, ananas inverosímiles e montañas totémicas, mentres o outono seguía avanzando entre nubes densas e grises cara a algún destino ignoto. En Boston, algo da historia europea semellaba encapsulada en envoltorio gringo. Alí, na fronteira norte das exploracións laborais de meu avó Manolo, pregunteime polo común denominador dos nosos ollares mugardeses: el, esforzado mariñeiro e construtor do país trala Gran Depresión; eu, lingüista e explorador emocional de costa a costa. El construíra sólidas obras civís e eu esborrallaba metáforas e soños idos, xunguidos os dous por un común ollar galego-americano, mentres no fondo da miña mente comezaba a agroma-la transición cara ó rural Estado de Vermont.

No Freedom Trail de Boston
No Freedom Trail de Boston

No medio daquel cosmopolitismo urbano de Boston paroume Donald onda King’s Chapel preguntándome pola continuación do Freedom Trail, ese percorrido turístico pola cidade que exalta as batallas dezaoitescas para libera-lo país dos británicos. Eu retruqueille en formato rumoroso: what freedom? Que liberdade tería na cabeza aquel loiro vinteaneiro de cabelo curto e ollar faiscante. “American Freedom”, espetoume.

Supuxen que se trataba desa liberdade das masas bovinas que escollen o camiño máis fácil para seren guiadas na eficaz amasadela de dólares. Esa compulsión -hogano tamén hispánica- de individuos xunguidos a un país cal boi amarrado á árbore da que non poden escapar.

Don cría na liberdade americana. Técnico de Arkansas, a súa empresa déralle un día de folgar antes de achegarse a Burlington para amañar máquinas comecartos. As súas cordas vogais sureñas desleixaban da sofisticación nordestina con ollar de crocodilo impaciente por queimar gasolina nos setecentos sesenta cabalos do seu Mustang Shelby. Don sempre conducira cara a fóra e o seu único vieiro interior era o dos moonshiners á procura de bourbon en Rock Town Distillery. Mentres seus pais prosperaran nunha granxa onda Little Rock el aprendera a engraxar parafusos e cambiar microchips en Pulaski Technical College. Así reforzara a súa idea de ser cidadán libre e respectable. Para Don, a raza de rednecks, a tradición militar vilega, a comunidade baptista onde medrara e mailo orgulloso pasado algodoneiro do seu Estado eran beizóns irrenunciables, e a súa única urxencia era atopar unha morena con quen acaba-la noite estrelecida.

Don seguía devecendo por atopa-lo auténtico soño americano, e eu debatíame se a solución a tanto degoiro sería a empanada americana ou unha abundante ración na Festa do Polbo de Mugardos. Mentres pisabamos xuntos o cerne do Boston Massacre Site mencioneille como as matanzas bélicas poden xustifica-las tradicións propias en Vietnam mais tamén beneficia-los outrora imperdoables inimigos británicos. “Cómpre renunciar ó pasado -díxenlle- sen resentimento, abandona-la tradición herdada, se queremos deixar partir a carga e condicionamento recibidos”. Mentres me miraba con ollos marcianos, polo meu acento ferrolterrán ou se cadra pola semántica alieníxena das miñas palabras substantivas, remachei “o individuo debe liberarse só, ollando de fronte o corazón das persoas”. Daquela a sensación de alleamento na súa faciana fíxose insoportable e afastouse en silencio do Freedom Trail, no que camiñaramos xuntos varias horas. Daquela continuei o vieiro só, lonxe da tradición ortodoxa que afoga o conservadurismo norteamericano, contemplando a beleza chúmbea daquel mércores chuvioso.

A procura da liberdade continúa
A procura da liberdade continúa

Mais preto de Faneuil Hall apareceu, onda o berce da liberdade, Nina, activista de tódolos dereitos e deberes posibles. Con carisma de suaves pómulos morenos e expresivos ollos acibeche, movía os brazos coa vizosidade dos muíños de vento que propoñía instalar no bravío mar de Boston. O sedutor acento costeiro daquela morena norteña tornaba o seu discurso en incisivo coma faíscas de pináceas frescas. Mais as súas arelas políticas consumíanlle a calor do Ser, achicado para manter relacións humanas entre iguais, con promocións diarias en Instagram do seu rutilante liderado comunitario. O seu orgullo patriótico mantíñase porén intacto tras un verniz de activismo verde, feminista e multirracial que a forza das barras e as estrelas non deran borrado.

“Alléannos bandeiras e dogmas diversos, asoláganos a propaganda, a disciplina patria e a autoridade matria”, díxenlle. Nina disentía e fiábao todo á liberdade das masas progresistas mentres eu falaba da liberdade total e dese lume que alampea na terra da fraternidade.

“A pose, a notoriedade pública e as arelas de poder -díxenlle- impiden consegui-la liberdade, sobre todo cando enfronte témo-la charlatanería actual”. E naquel punto retoume: “e nese país teu azul e branco non hai charlatanería? Faivos inmunes a dieta de polbo á feira e lumbrigante con ameixas?” Limiteime a ollala sen respostas mentres chegamos ó Bunker Hill Monument. Un baleiro colectivo infindo asolagoume nas escaleiras de tan fálico monumento antes de tomar aire e responderlle en galego “só no baleiro pode xurdi-la liberdade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA