O CES pide á Xunta que "aclare" se a aplicación do canon da auga supón "un incremento" das cargas económicas

É unha das principais denuncias que realizaron os concellos nas súas alegacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2022 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O Consello Económico e Social (CES) informou sobre a futura Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga de Galicia, que impulsa a Xunta, e reclama que a "normativa debería clarificar se a aplicación dos canons supón un incremento da carga financeira que tanto os concellos como a cidadanía teñen que soportar".

Precisamente, esta cuestión é unha das principais denuncias que realizaron nas súas alegacións os concellos durante o proceso de exposición pública, respecto diso do que o Goberno galego sempre aclarou que se trata dunha reorganización de tributos, pero asunto que para o Consello Económico e Social non queda clarificado na norma e débese aclarar.

Ademais, o CES tamén considera "imprescindible" que a normativa "garanta" que parte dos importes económicos recadados pola prestación de servizos de xestión da auga (canons) "revertan sempre na mellora do servizo e das infraestruturas necesarias para a súa prestación".

Nas súas consideracións xerais, o CES considera que, co actual marco lexislativo, "existe a posibilidade de cobrarlle un canon de abastecemento ás persoas e entidades con captacións propias e, de maneira particular, ás explotacións agrícolas e gandeiras". Neste sentido, sostén que "non ten xustificación que aqueles que non reciben ningún servizo de abastecemento, teñan que pagar por un canon".

Ademais, advirte de que isto "impacta principalmente no ámbito rural", no que sería preciso desenvolver políticas específicas para garantir o abastecemento de todas as vivendas e actividades, pero "o último" que se necesita é "unha carga fiscal máis, por un servizo que non perciben".

"UNHA PERSPECTIVA MÁIS AMPLA"


Ademais, o CES chama a atención sobre a "necesidade de adoptar unha perspectiva o máis ampla posible" da problemática do ciclo integral da auga. Singularmente, engade, "bótase en falta a referencia expresa a unha análise de todos o recurso hídricos", incluídos os recursos naturais a nivel da conta hidrográfica, que é a unidade e a escala "necesaria" da análise hidrolóxica.

Así mesmo, engade, ao longo da exposición de motivos e do texto de lei fálase dos servizos urbanos de auga de abastecemento e saneamento (depuración), pero "bótanse en falta" referencias á drenaxe urbana e da xestión de augas pluviais, "obviando os problemas das redes unitarias de sumidoiros e os problemas das escorrentías contaminada", cando o sistema de drenaxe "tamén require investimento, xestión e recuperación de custos".

Entre outras cuestións, o CES considera "necesario", ademais, facer referencia expresa á normativa que regula e establece o papel de Augas de Galicia e os mecanismos de control de consumo de recursos hídricos que poidan condicionar ou comprometer abastecementos domésticos, así como de actividades que poidan resultar contaminantes ou afectar á calidade das augas ou comprometer os caudais ecolóxicos.

CUESTIÓNS FORMAIS

Máis aló da cuestión do contido da normativa, o CES tamén pon pegas a cuestións formais do texto, como que se inclúan na numeración letras que non están o abecedario en galego ou o uso incorrecto de verbos como ostentar e contemplar.

Tamén afea o uso incoherente ou incorrecto das maiúsculas e minúsculas para a mesma realidade ou que se empregue a fórmula "disposicións derradeiras", cando o correcto, de acordo coa Academia Galega, é "disposicións finais".

Arquivo - Billa de lavabo, auga, hixiene, dispensador de xabón. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Billa de lavabo, auga, hixiene, dispensador de xabón. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta