Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/02/2022 | Actualizada ás 17:47
A empresa galega Drovi creou un biodisolvente a base de aceite de xirasol como alternativa aos produtos petroquímicos xa que, ata o momento, os disolventes baseábanse nos "ésteres metílicos do aceite de soia", unha materia prima abundante en países de América e Asia, pero escasa en España.
Segundo informa a empresa a base do novo produto supón unha "importante innovación" fronte ás investigacións realizadas ata agora pola comunidade científica. Ademais, trátase dun composto "sustentable e que evita a dependencia dos mercados internacionais".
Con este novo biodisolvente aseguraron que se potencian as materias primas renovables "en liña cos intereses europeos en materia de medio ambiente", fronte aos disolventes industriais convencionais que proveñen maioritariamente do petróleo.
Sobre a súa eficacia, Drovi asegura que se comprobou que "os biodisolventes teñen unha eficacia equiparable aos compostos pertroquímicos".
A compañía rexistrou a patente, que é o resultado do proxecto NewBiosol, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e no que tamén colaborou o equipo de asesoramento en I+D da Fundación Empresa UniversidadGallega (FEUGA) e o grupo de investigación de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.