A CIG reivindica como "vivas e vixentes" as loitas obreiras do 10 de marzo de 1972

A central organiza actos para conmemorar o 50 aniversario das mobilizacións do naval nas que morreron dous traballadores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O sindicato CIG reivindicou como "vivas e vixentes" as loitas obreiras que levaron á rúa a traballadores do sector naval de Ferrol o 10 de marzo de 1972, unhas protestas para reclamar un convenio colectivo propio para a antiga Bazán e nas que morreron Amador Rey e Daniel Niebla.

A central nacionalista, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, e o responsable comarcal en Ferrolterra, Manel Grandal, presentou este mércores os actos para conmemorar o 50 aniversario da efeméride dos disturbios baixo o lema 'Somos clase. Somos nación. A loita continúa'.

"As reivindicacións do ano 72 están plenamente vivas e vixentes", sentenciou Carril, que cre que os motivos que levaron os traballadores a manifestarse na cidade naval a comezos da década de 1970 continúan sobre a mesa, especialmente "no concernente á defensa do marco galego de relacións laborais". "Estamos nun proceso de intensa recentralización que dificulta á cidadanía galega a negociación das súas condicións de traballo e salariais", apuntou o responsable da central nacionalista, que advertiu que a reforma laboral que se acaba de aprobar, "non recupera nin gaña novos dereitos".

Así, trasladou que "é a expresión actual de por que" é necesario "defender os marcos propios". No caso de Ferrol, Carril advertiu que "segue sendo a zona cero da crise industrial e máximo expoñente da crise do país, presente en todo o norte pero que avanza tamén cara a outras zonas de Galicia".

O máximo responsable do sindicato nacionalista incidiu en que "non haberá actuacións políticas cribles de solución á crise se non hai solucións para Ferrol". "Nin PSOE nin PP están a actuar neste sentido. Ao contrario, as súas políticas van en contra dos intereses da comarca, como evidenciaron votando en contra dun novo dique de reparacións para o estaleiro de Ferrol", aseverou.

ACTOS

Pola súa banda, Manel Grandal detallou que o de 10 de marzo a CIG ten convocada unha manifestación que sairá ás 12,00 horas desde a porta principal de Navantia e finalizará no monumento ao 10 de Marzo, no barrio de Recimil, onde se fará a tradicional ofrenda floral.

Ademais, este xoves 24 de febreiro proxectarase un documental elaborado pola CIG, titulado 'A semente de 1972', no que se repasa o contexto socioeconómico e os sucesos daquel ano, e analízase e a súa transcendencia no movemento obreiro galego e na construción do sindicalismo nacionalista. O pase terá lugar no Ateneo Ferrolán ás 19:00 horas. O 3 de marzo proxectarase na Casa da Cultura de Fene, á mesma hora. Posteriormente o vídeo tamén será proxectado en diferentes centros de ensino da comarca.

Con motivo do 50 aniversario, a CIG tamén trasladará a Ferrol a reunión do Consello Confederal, máximo órgano de goberno entre congresos, convocada para o 4 de marzo, e que normalmente se reúne en Compostela. Na tarde dese mesmo día, terá lugar o acto de entrega dos premios '8 de Marzo' e '10 de Marzo', que a central outorga este ano á loita do persoal de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago e aos traballadores da fábrica de IKF da Guarda (Pontevedra), respectivamente.

Xunto a isto, a CIG editou tamén un libro divulgativo e unha acuarela conmemorativa e ten convocadas asembleas de delegados en todas as comarcas para este xoves, citas nas que se poñerá en valor a vixencia das loitas do ano 1972.

A central nacionalista, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, e o responsable comarcal en Ferrolterra, Manel Grandal, presentou este mércores os actos para conmemorar o 50 aniversario das protestas do 10 de marzo de 1972. CIG
A central nacionalista, encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, e o responsable comarcal en Ferrolterra, Manel Grandal, presentou este mércores os actos para conmemorar o 50 aniversario das protestas do 10 de marzo de 1972. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta