Científicas da USC crean un sistema que avalía os efectos da variación de salinidade nas rías

As investigadoras poñen o foco nos "repetidos eventos" nos que peixes e moluscos morreron masiva e repentinamente nas rías galegas. "A única explicación posible é a baixada drástica da salinidade debido á apertura dos encoros", indican.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Investigadoras da USC desenvolveron unha metodoloxía coa que avaliar os efectos da variación da salinidade nas augas das rías, incluíndo por primeira vez impactos positivos asociados a un aumento da concentración, ou efectos negativos asociados a un descenso. O método, aplicado a un estudo de caso na Ría de Arousa, foi desenvolvido pola doctoranda Alba Roibás, as profesoras da USC Almudena Hospido e Anuska Mosquera, así como a investigadora Montserrat Núñez, do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias.

Este sistema amplía as metodoloxías clásicas en análises de ciclo de vida para poder incluír impactos asociados a variacións na concentración de substancias elementais que, tal e como sucede co sal, non poden ser modeladas como un contaminante.

"A pesar de que é dabondo coñecido que os cambios na salinidade afectan os ecosistemas, ata agora, non había modelos ambientais que permitisen medir eses efectos, e as propostas metodolóxicas que existían consideraban o sal desde o enfoque da ecotoxicidade", explican as investigadoras.

Este enfoque implica que, a maiores concentracións de contaminante, maiores efectos. Pero o sal non é un contaminante, senón unha sustancia esencial, polo que esta aproximación non ten en conta os efectos negativos dun descenso na salinidade na auga --como o das rías galegas-- ou os efectos positivos debido a un aumento da concentración --cando a salinidade das rías se recupera tras o evento de baixa salinidade--.

Nos últimos anos, destacan as investigadoras, tiveron lugar "repetidos eventos nos que os peixes e algúns moluscos como o berberecho morreron masiva e repentinamente nas rías galegas, onde a única explicación posible para estes sucesos foi a baixada drástica da salinidade debido á apertura dos encoros".

As actividades antropoxénicas, como a irrigación ou a xestión de presas, "poden chegar a modificar drasticamente a salinidade das augas de transición entre auga doce e salgada, como a das rías galegas". "Ademais, o cambio climático está a intensificar o ciclo da auga no planeta, alterando os patróns das precipitacións e da evaporación, polo que a salinidade da auga está a cambiar", subliñan desde equípoo investigador.

O método foi aplicado a un estudo de caso na Ría de Arousa.
O método foi aplicado a un estudo de caso na Ría de Arousa. | Fonte: Turismo de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta