A Xunta presume de ter gastado 1'2 millóns en tratamentos médicos de turistas

Destacan o 'seguro covid' polo seu papel na recuperación da actividade económica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia destacou o seguro covid como elemento "chave" no proceso de recuperación do sector turístico na Comunidade, percibida, grazas en parte a esta iniciativa, como "destino seguro" durante a pandemia. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu este xoves na Comisión 6ª do Parlamento para dar conta dos primeiros resultados da implantación e posta en marcha o pasado xuño do seguro coronavirus, a petición do grupo popular.

Segundo explicou, o seguro contribuíu a "recuperar a confianza" dos viaxeiros, "ofrecendo un plus de tranquilidade". A Xunta investiu 1,2 millóns de euros neste plan co que se pretendía cubrir todos os gastos médicos dos turistas no caso de que foran contaxiados por covid ou precisaran hospitaliazción. Para Castro, "trátase dunha medida pioneira que situou á Comunidade á vangarda na posta en marcha de medidas para fortalecer a marca de Galicia como destino seguro", incidiu. De feito, subliñou Nava Castro, outras comunidades "mostraron interese por coñecer esta proposta innovadora co obxectivo de levar a cabo medidas similares".

"Galicia fixo os deberes e anticipouse ás necesidades dos novos turistas tomando as medidas oportunas para alcanzar un turismo seguro e os resultados aí están", asegurou a directora de Turismo. Segundo os datos que achegou, en 2021 rexistráronse máis de 4,2 millóns de viaxeiros aloxados, preto de nove millóns de noites e case 180.000 compostelas entregadas; "22 puntos por encima da media nacional".

O seguro coronavirus seguirá vixente polo menos ata o 31 de maio, "con posibilidade de prórroga", para asistir en viaxe aos turistas nacionais ou internacionais que se aloxen en establecementos regulados ou albergues de peregrinos, ademais de peregrinos que acrediten estar a facer o Camiño de Santiago. Lembra ademais que o seguro é complementario aos que poidan contratar os propios viaxeiros.

Nava Castro na súa toma de posesión como Directora de turismo de Galicia
Nava Castro na súa toma de posesión como Directora de turismo de Galicia | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta