Por E.P. | Lugo | 25/02/2022 | Actualizada ás 18:56
A alimentación saudable é unha das primeiras barreiras ao alcance da man para a prevención do cancro, segundo sinala a profesora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC Marta López Alonso, quen ofrecerá este sábado unha sesión informativa na Praza de Abastos de Lugo sobre a importancia e os beneficios que reporta a alimentación para saúde.
Esta acción, na que tamén participarán outros investigadores da USC, desenvólvese ao amparo do proxecto 'Minerais contra o cancro', unha acción de ciencia solidaria promovida pola USC xunto co Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) co obxecto de investigar o labor dos minerais en pacientes oncolóxicos e a súa posible incidencia na prevención e recuperación de determinados tipos de tumores.
"Os alimentos constitúen a principal vía a través da que inxerimos minerais e achegamos as distintas propiedades que precisa o noso organismo", di López Alonso, que destaca a necesidade de informar e concienciar á sociedade sobre a importancia da alimentación na saúde.
A coñecida importancia dos minerais como nutrientes esenciais en moitos procesos fisiolóxicos e bioquímicos e a as súas propiedades como antioxidantes, inmunomoduladores e antiinflamatorios está no xerme da iniciativa de I+D lanzada conxuntamente por investigadores da USC e do HULA, unha proposta científica que comezará coa elaboración dun estudo de diagnóstico dos niveis de minerais da poboación luguesa que non presenta ningún tipo de enfermidade.
Á espera de poder comezar nos próximos meses as análises para comprobar posibles deficiencias do nivel de minerais como selenio, iodo ou cobre entre a poboación luguesa, a coordinadora do proxecto 'Minerais contra o cancro' reiterou o seu agradecemento pola boa acollida que está a rexistrar esta iniciativa de I+D+i na sociedade luguesa, un apoio que se materializou xa en achegas económicas por un importe de preto de 29.000 euros.
Así mesmo, López Alonso destaca a fonda implicación nesta causa de determinados sectores ou estamentos sociais. Neste sentido, a coordinadora de 'Minerais contra o cancro' puxo en valor a colaboración recibida desde o mundo do deporte, con clubs como o CB Breogán, CD Lugo ou o Ensino Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.