Pontón propón baixar o IVE de alimentos esenciais e dos carburantes ante a "escalada" de prezos

A portavoz nacional do BNG expuxo unha serie de medidas para paliar a subida do IPC, entre as que tamén está incrementar as pensións e o ingreso mínimo vital.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este luns un paquete de medidas económicas para paliar a "escalada" de prezos e do custo da vida que afecta, especialmente, aos colectivos máis vulnerables e con rendas máis baixas. Así, entre outras medidas, propón baixada temporal de impostos e taxas e subidas das pensións así como dos ingresos mínimo vital e do complemento autonómico para as non contributivas, que pediu que pase a ser de 100 euros ao mes (40 millóns ao ano de custo).

En rolda de prensa, Pontón lembrou que o IPC subiu a nivel estatal un 7,4 por cento e é o máis alto dos últimos 33 anos, cun encarecemento de todos os elementos máis básicos do custo de vida, e está "en risco" a recuperación económica.

"O Goberno galego e o central non poden quedar de brazos caídos. Temos a Feijóo ocupado e preocupado en tapar a corrupción do PP e en solucionar as guerras do PP, pero non coa cabeza en solucionar os problemas dos galegos", censurou.

Por iso, dixo, o BNG proporá solucións que levará a todas as institucións. Entre elas, no ámbito fiscal, baixar o IVE dos alimentos básicos, unha medida que está "máis que xustificada" e unha forma de reducir o IPC.

Tamén unha "redución temporal de impostos para carburantes", como se fixo para a luz, "unha cuestión perfectamente asumible e necesaria". Xunto a iso, unha baixada de todas as peaxes en Galicia, tanto as vías de ámbito estatal como as galegas.

Estas baixadas de impostos, engadiu, pódense "compensar" avanzando en impostos ás rendas máis altas e ás grandes empresas. "Hai posibilidades", manifestou.

"ACTUAR NO ÁMBITO SOCIAL"

Pontón tamén propuxo "actuar no ámbito social", subindo o equivalente ao IPC na Risga e o ingreso mínimo vital, á vez que facelos "compatibles". Tamén pide baixar os límites de renda para o acceso a bolsas ou outro tipo de axudas.

Ademais, reclama que se suban as pensións acorde coa subida do custo da vida e que a Xunta apoie as non contributivas para que pasen a contar con 100 euros máis ao mes, aínda que sostivo que "non é a panacea, pero suporía unha axuda moi importante".

Pontón tamén reclamou "incrementar as axudas para a xente nova e as rendas máis baixas" no acceso á vivenda. E ante o incremento da factura da luz, primeiro actuar sobre os beneficios a favor dun "custo real da produción" e, posteriormente, insistir na "tarifa eléctrica galega".

"Estas medidas son moi necesarias", apuntou Pontón, quen apuntou o "abafo de moitas familias que non poden chegar a fin de mes" e é preciso, por tanto, actuar no impacto que ten nas súas vidas o incremento do custo da vida.

"Son cuestións que debería estar a propor a propia Xunta, pero é evidente que Feijóo ten a cabeza no PP e nas súas ambicións persoais", sentenciou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta