Galicia ofrécese a acoller refuxiados de Ucraína

A acollida debe ser coordinada desde o Goberno central. A CEG condena a invasión e mostra a súa preocupación polas "nefastas" consecuencias

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/02/2022 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O Goberno galego ofreceuse a acoller refuxiados procedentes de Ucraína que escapan da invasión do seu país por parte do Exército ruso. O ofrecemento será trasladado este martes ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións de mans de representantes da Consellería de Política Social.

Unha parella abrázase, na Praza Maidán, a 26 de febreiro de 2022, en Kiev (Ucraína), cando as tropas rusas invaden o país
Unha parella abrázase, na Praza Maidán, a 26 de febreiro de 2022, en Kiev (Ucraína), cando as tropas rusas invaden o país | Fonte: Diego Herrera - Europa Press.

As autoridades galegas manifestan que a Xunta "tende a man e ofrece os recursos e instalacións ao seu alcance par dar amparo" ás persoas procedentes de Ucraína que fuxan da guerra.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión cos representantes de Cruz Vermella, Diversidade, Ecos do Sur, Accem, Provivienda, Diaconía e Movemento pola Paz, ou Desarmamento e a Liberdade (MPDL).

Ao termo do encontro, Parrado manifestou que a acollida de refuxiados, do mesmo xeito que "calquera cuestión relacionada coa política exterior", debe ser coordinada desde o Goberno central.

"Galicia porá todo da súa parte para prestar refuxio aos ucraínos en todo o que sexa posible, dentro das competencias autonómicas", sinala a Xunta.

EMPRESARIOS

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) condenou "enerxicamente" a invasión que Rusia despregou sobre Ucraína e mostrou a súa preocupación polas "nefastas" consecuencias que esta acción levará.

A CEG lamentou o impacto sobre a sociedade civil ucraína que xa está a ter o conflito, tanto polo número de vítimas mortais e feridos, como por todas aquelas persoas que perderon as súas casas, os seus negocios ou os seus empregos e víronse obrigados a saír do seu país.

A organización empresarial galega mostrouse preocupada polas "nefastas" consecuencias que terá o conflito armado no ámbito económico, xa que se abriu un escenario "incerto". Desta forma, teme que impacte nos prezos da enerxía e no abastecemento de certas materias primas, así como no comportamento dos mercados en xeral.

Neste sentido, a CEG lembrou que Ucraína é o "celeiro de Europa" no que se refire a certos cereais como o trigo, o millo ou a cebada, polo que o corte destas subministracións suporía "outro freo" na recuperación para este sector.

A Confederación tamén se mostrou alarmada polas posibles consecuencias que a guerra poida ter para a industria galega e fixo un chamamento ás autoridades europeas e españolas para que sexan precisas na definición e informen da maneira máis detallada e actualizada posible sobre as sancións impostas a Rusia e as medidas de apoio "para minorar as consecuencias nas economías motivadas polo conflito".

Para a CEG debe priorizar o diálogo e a diplomacia co fin de que se restaure a paz, a seguridade e a estabilidade económica en Europa "o máis axiña posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta