Os contaxios frean a tendencia á baixa e soben as hospitalizacións

Galicia supera o medio millón de contaxios desde o inicio da pandemia, e os falecidos soben a 3.114.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Unha repunta nos contaxios novos de Covid detectados en Galicia freou a tendencia á baixa na evolución da pandemia, de maneira que, por primeira vez no último mes, aumentaron os casos activos de Covid, que se sitúan en 16.365 (256 infeccións máis que na última xornada).

Segundo os datos publicados este xoves pola Consellería de Sanidade, con información recollida ata as 18,00 horas do mércores, nas últimas horas creceron os novos contaxios, ata os 1.539 (este mércores notificáronse 1.215 contaxios), con máis infeccións novas en todas as áreas sanitarias.

Así, na área sanitaria de Vigo rexistráronse na última xornada 325 novos contaxios; na área sanitaria da Coruña-Cee notificáronse 286 infeccións máis; na área de Santiago-A Barbanza son 283 as novas infeccións; na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai 199 casos novos; na de Pontevedra-O Salnés notificáronse 195 novos contaxios; na área de Lugo, Monforte e A Mariña hai 173 infeccións máis; e na área de Ferrol detectáronse 71 casos novos.

Tendo en conta as novas infeccións, as altas epidemiolóxicas e falecementos, en Galicia hai actualmente un total de 16.365 persoas con Covid. Estes casos activos creceron en todas as áreas sanitarias, excepto na Ferrol. Na área de Vigo hai 3.290 casos activos (58 máis); na área da Coruña hai 3.210 enfermos (8 máis); na área de Santiago hai 2.950 infeccións activas (76 máis); na área de Lugo, os casos activos son 2.041 (34 máis); na área de Ourense subiron ata os 1.935 (59 máis); na área de Pontevedra hai 1.895 casos (37 máis); e na área de Ferrol hai 952 persoas con Covid (11 menos).

PRESIÓN HOSPITALARIA

Con respecto á ocupación das camas Covid nos hospitais galegos, o último informe de Sanidade reflicte unha lixeira repunta no número de persoas enfermas ingresadas en unidades convencionais, que sobe de 390 a 397, aínda que os pacientes ingresados en UCI son agora 28, un menos que hai un día.

Por áreas, nas de Santiago e A Coruña hai 6 pacientes respectivamente nas súas unidades de coidados críticos (un menos en Santiago e un máis na Coruña); na área de Vigo hai 5 pacientes en UCI con Covid (igual que hai 24 horas); nas áreas de Pontevedra, Ourense e Lugo non houbo cambios na ocupación da UCI, e manteñen 4, 3 e 3 pacientes respectivamente; mentres que en Ferrol, os pacientes críticos baixaron de 2 a 1.

En canto aos ingresados 'en planta', descenderon lixeiramente na Coruña e Ferrol, e subiron, tamén de forma lixeira, no resto de áreas sanitarias.

CURADOS, FALECIDOS E PROBAS

Desde o inicio da pandemia, máis de medio millón de persoas en Galicia contaxiáronse de Covid, e 481.790 superaron a enfermidade. Delas, 1.280 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas 24 horas.

Por contra, faleceron co virus 3.114 persoas. Os últimos decesos comunicados por Sanidade son os dun home de 89 anos que morreu con Covid na área sanitaria de Ourense; unha muller de 85 anos que faleceu na área de Pontevedra; e outro home, de 85 anos, falecido na área sanitaria de Lugo. Os falecementos producíronse o pasado martes e todas as persoas tiñan patoloxías previas, segundo Sanidade.

Ata o momento, realizáronse en Galicia algo máis de 3,7 millóns de probas PCR, 3.174 nas últimas horas; e a taxa de positividade destas probas (a porcentaxe de resultados positivos por cada 100 probas realizadas) é do 11 %.

Ademais destas probas, realizáronse 1,5 millóns de test de antíxenos (2.986 na última xornada) e 1,4 millóns doutros tipos de probas de detección do Covid.

Cidadáns nun local hostaleiro na Coruña, en febreiro de 2022.. M. Dylan - Europa Press
Cidadáns nun local hostaleiro na Coruña, en febreiro de 2022.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta