O teatro de Vidal Bolaño volve aos escenarios 20 anos despois da morte do autor

O CDC estrea 'Rastros' este venres en Compostela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres, día 4 de marzo, no Teatro Principal de Santiago a obra 'Rastros' de Roberto Vidal Bolaño, coincidindo co 20 aniversario da morte do autor. A peza, coproducida pola compañía Condetrespés, fará unha xira no marco da 'Rede Galega de Teatros e Auditorios', impulsada por Xunta e concellos, que comezará coas funcións do próximo venres e sábado ás 20,30 horas.

A estrea, tras a que haberá un coloquio co director Lois Branco, foi presentado este xoves polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do CDG, Fran Núñez; e o propio director da obra, nunha rolda de prensa no Concello de Santiago. A obra presenta o intento de suicidio dunha muller que convoca, durante o tempo no que permanece ingresada na UVI, a tres homes cos que compartiu sentimentos, soños e ilusións. Ao longo desa tensa espera, os personaxes reflexionan sobre a súa vida en común e lembran as razóns que levaron a cada un a ser o que é e a estar onde está.

Na súa intervención, Lois Branco asegurou que "o teatro sempre ten que ser contemporáneo" e que, a pesar de ser un texto que pasou desapercibido no seu momento, Bolaño "falou de cousas que agora están máis presentes". O director tamén se referiu ao texto orixinal como "duro" e cunha protagonista presentada dunha forma "polémica" e "que se pode ver como machista" hoxe en día. Nesta liña, Branco insistiu en que, aínda que quixo respectar o texto orixinal, resúltalle interesante aplicar "a visión feminina" que foi evolucionando nos últimos anos. As entradas poden adquirirse de maneira anticipada no Punto de Información Cultural do Concello Zona C, situado na Praza de Cervantes, e o mesmo día do espectáculo no propio teatro, desde unha hora antes do inicio.

20 ANIVERSARIO DO FALECEMENTO DE BOLAÑO

Fran Núñez explicou que o CDG, como institución cultural galega, considera "fundamental" traer a Bolaño ao teatro público, sobre todo este 2022, no que se cumpren 20 anos do falecemento do autor compostelán. Ademais, o director do CDG destacou o obxectivo da unidade teatral da Xunta de dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como de reforzar a colaboración pública e privada no campo teatral.

Pola súa banda, o secretario de Política Lingüística lembrou a figura de Bolaño en vida e falou del como un autor que cría na profesionalización do teatro galego. Tamén, sinalou que Bolaño sempre apostou por "propostas arriscadas e de vangarda" que tiveron un gran impacto na cultura galega.

Roberto Vidal Bolaño
Roberto Vidal Bolaño

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta