Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/03/2022 | Actualizada ás 22:00
A decisión de Feijóo de apostar pola Presidencia do PP abriu unha fronte no partido en Galicia que pode derivar en tensións internas a longo prazo. Aínda que o presidente galego insiste en que el mesmo pivotará a sucesión e non será "apresurada" para "acertar", o certo é que ten que fiar moi fino para deixar contentas a todas as "familias" do PP galego, que non son poucas.
"Haberá respostas previsibles nun partido previsible", sentenciou este xoves ante as preguntas dos xornalistas que, entre outras cuestións interesáronse polo papel do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, como o que suma máis papeletas para converterse en sucesor de Feijóo, ou por se o PPdeG e a Xunta terán ao mesmo líder ou se abrirá unha posibilidade de bicefalia.
Pero non todos no PPdeG está a favor de que sexa Rueda o candidato. O actual vicepresidente pode concitar acordos na provincia de Pontevedra, onde é o presidente provincial, pero un sector importante de dirixentes da provincia da Coruña prefiren unha persoa "máis afín". Tamén desde Ourense e Lugo piden ter voz e representación na futura Xunta.
Fontes consultadas por GC din que hai grandes dirixentes que "farán sentir a súa voz" ante a decisión de Feijóo e apuntan directamente a José Manuel Baltar que non descartaría presentar unha lista alternativa se non hai un consenso.
PROCESO
De feito, hai moita incerteza sobre a fórmula que quere adoptar Feijóo para elixir ao seu sucesor. Os estatutos do PPdeG permiten varias fórmulas: desde un dirixente, por exemplo o secretario xeral (Miguel Tellado, neste caso), que asuma as rendas de forma interina; ata a elección dun presidente no Comité Executivo; ou un congreso extraordinario tamén en Galicia.
Mesmo se poderían combinar as dúas vías, segundo apuntan algunhas fontes, que o secretario xeral tome as rendas de forma temporal ata que se ratifique a sucesión na Xunta e que despois se elixa, pola vía que corresponda, ao novo presidente do PP. "Se cando chegue o momento son preguntado, darei a miña opinión de forma intensa e todas a resposta serán previsibles e encamiñadas a garantir a estabilidade ao partido máis grande de Galicia e ás institucións de Galicia", dixo este xoves Feijóo.
"IMOS A ACERTAR"
"Imos acertar porque temos todas as vimbias para facer as cousas ben", proclamou, antes de advertir que Galicia non perdoaría nin "merece" unha "equivocación" do PPdeG. Unhas declaracións en clave interna ante o nerviosismo que existe nas propias filas populares polo futuro incerto que se agarda na Xunta e no partido sen Feijóo. "Imos contestar con democracia interna, con Estatutos na man e nos momentos adecuados", esgrimiu, para concluír que, cando se dean as circunstancias adecuadas, haberá "respostas previsibles nun partido previsible".
Con todo, esas "respostas previsibles" pasan por tantear todas as sensibilidades que hai dentro do seu partido, que non son poucas, e tentar que quen sexa elixido como o seu sucesor saiba manter as distintas cotas de poder provincial.
DIFICULTADES
Pero a era Feijóo deixa unha seca que pode rematar en desbordamento se chega un gran furacán. As fontes consultadas apuntan que, ata agora, "ninguén lle tusía" a un presidente galego que na Xunta e no partido "facía e desfacía" ao seu antollo. Sen el en Galicia, haberá certo vacío de poder que pode incrementar a tensión entre as familias e baróns populares.
"É certo que sendo presidente do PP e ex presidente da Xunta e do PPdeG ten moita capacidade de decisión pero xa non vai ser o mesmo", apuntan fontes consultadas por GC que din que "unha cousa é estar en Santiago e outra moi distinta é estar en Madrid". Por iso, a necesidade de que a súa sucesión sexa "tranquila" e o seu sucesor teña o visto e prace de todo o partido.
De feito, as fontes consultadas non descartan que, se non hai consensos previos, se force a convocatoria dun congreso no que se poidan presentar varios candidatos, mesmo, se xa hai un sucesor designado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.