Un 'Roteiro da Vergoña' pide a retirada de símbolos franquistas das rúas da Coruña

Terá lugar o próximo sábado e poñera no foco a cinco persoas que estiveron "ao servizo da ditadura" e manteñen honras e distincións na cidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Fóra franquistas das nosas rúas". Este é o lema da Marcha Cívica 'VI Roteiro da Vergoña' que organiza a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña para o próximo sábado, 12 de marzo. Desta vez estará centrado en cinco persoas: Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina, Sanjurjo de Carricarte, Álvarez Sotomayor e Ambrosio Feijóo, segundo explica a Comisión nunha nota aos medios.

'Roteiro da Vergoña' contra as honras a franquistas na Coruña
'Roteiro da Vergoña' contra as honras a franquistas na Coruña | Fonte: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

O acto dará comezo ás 12 horas na praza de María Pita, na Coruña, co seguinte percorrido: Casa natal de Pedro Barrié de la Maza; monólito do alcalde Alfonso Molina en Porta Real; busto do alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte, detrás do concello; praza do Pintor Sotomayor, fronte ao Consulado; e Rúa Ambrosio Feijoo, nun lateral de Correos. A CRMH pon así no foco estes restos do franquismo e divulgará as biografías destas persoas, que "non son merecedoras de honras e distincións porque son significados franquistas ao servizo da ditadura", explican.

Estas 5 persoas están entre as 14 do informe do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para o Consello da Memoria Democrática, que foi "secuestrado durante un ano", denuncia a Comisión, polo goberno municipal da Coruña. Dende o movemento pola recuperación da memoria histórica instaron o Concello a “divulgar” esas 14 biografías e “aplicar as recomendacións recollidas no informe”, mais polo momento, "nin divulga nin aplica", denuncian.

Entre estas recomendacións está a retirada das honras concedidas ás cinco persoas nomeadas. A Pedro Barrié de la Maza, polo seu "papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía [Banco Pastor]". A Alfonso Molina Brandao, porque "como presidente da Cámara de Propiedade iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional; e é, polo tanto, colaborador activo na represión”. 

Doutra banda, a Comisión pide retirar honras a Eduardo Sanjurjo de Carricarte porque "ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo". O mesmo acontece con   Fernando Álvarez de Sotomayor, que “polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados e a súa contribución ao trunfo do chamado Alzamiento Nacional", é candidato a que se lle retiren os honores concedidos polas corporacións municipais franquistas coruñesas durante a ditadura.

Por último, a Comisión cita a Ambrosio Feijoo Pardiñas, debido á súa "participación de forma activa na represión na Coruña e Asturias durante a Guerra Civil [presidiu como xeneral consellos de guerra]", que son, indica, "motivos suficientes para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retire o honor de ter dedicada unha rúa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta